Despois do último atropelo ocorrido nun céntrico paso de peóns, Alternativa interpelará novamente ao goberno cambrés para que se inclúa unha iluminación especifica sobre os pasos de peóns, reforzando tamén a sinalización para unha maior seguridade.
O tema se vén reclamando polo grupo municipal insistentemente, xa que os pasos de peóns que dan acceso ao centro da vila contan todos cunha problemática neste senso e son punto de diversos incidentes no día a día.
Alternativa persiste achegando estas peticións veciñais para que o Goberno municipal poña maior atención na seguridade viaria integral. Xa que hai numerosos puntos de conflito; como no cruce do paseo fluvial pola AC-214, a Costa da Tapia, ou o cruce da DP-0102 coa rúa Ribeiriña en Bribes, entre moitos outros.
O voceiro do grupo Raúl Varela indica que de chegar a gobernar os próximos catro anos a seguridade viaria en Cambre formará parte das súas prioridades establecendo un programa de melloras que impliquen a todas as administracións titulares das vías que pasan polo municipio para conseguir unha mobilidade segura e adecuada á realidade cambresa.