A directora de Turismo de Galicia participou esta mañá no primeiro Seminario Internacional sobre Rutas Turísticas Multidestino que aglutinou na cidade paraguaia de Asunción a numerosos ministros e responsables de Turismo de toda Iberoamérica
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou no primeiro Seminario Internacional sobre Rutas Turísticas Multidestino celebrado na cidade Asunción, en Paraguai.
O encontro, que foi inaugurado pola Ministra de Turismo da República de Paraguai, Marcela Bacigalupo, e o director rexional das Américas da Organización Mundial do Turismo (OMT), Carlos Vogeler, aglutinou numerosos ministros e responsables de Turismo de toda Iberoamérica.
Neste marco, a directora de Turismo de Galicia ofreceu un relatorio do Camiño de Santiago como exemplo de ruta de peregrinación declarada Patrimonio Mundial pola UNESCO na sesión “Xestión das Rutas Turísticas nos sitios do Patrimonio Mundial”.
Nava Castro compartiu panel coa Viceministra de Turismo de Guatemala, Maru Acevedo, a Ministra de Turismo do Perú, Magalí Silva, a Viceministra de Turismo de Colombia, Sandra Howard, e o representante da OMT, Carlos Vogeler.
Na súa intervención, a directora de Turismo de Galicia fixo referencia ás numerosas distincións que avalan, xunto coa declaración de Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1993, a importancia do Camiño de Santiago, destacando a declaración de Primeiro Itinerario Cultural Europeo en 1987 polo Consello de Europa, o Premio Príncipe de Asturias da Concordia en 2004 ou a declaración de Embaixador Honorario da Marca España obtida o pasado ano, entre outras.
Así mesmo, Nava Castro falou do incremento que experimentou a Ruta Xacobea tanto na súa oferta como demanda, resaltando que en 1987 foron 2.905 os peregrinos que chegaron a Santiago, en 2008 contabilizáronse arredor de 125 mil e o pasado ano 2014 pechou coa chegada de 237.886 peregrinos. Neste senso, a responsable de Turismo da Xunta sinalou que no que vai de ano a cifra de peregrinos que selaron a súa Compostela superou xa o total de peregrinos rexistrados no pasado ano, contabilizándose máis de 244 mil.
Cooperación interinstitucional e colaboración público-privada
A responsable de Turismo da Xunta explicou as numerosas iniciativas que leva a cabo o Goberno galego a prol do desenvolvemento e promoción do Camiño de Santiago. Nesta liña, Nava Castro resaltou a cooperación interinstitucional e a colaboración público-privada como eixos fundamentais á hora de desenvolver calquera acción relacionada coa Ruta Xacobea. Así, explicou o labor do Consello Europeo co Instituto Europeo de Itinerarios Culturais, no que o Camiño de Santiago participa activamente, a Federación Europea dos Camiños de Santiago, que dá soporte ao Loci Iacobi 2, un proxecto europeo que segundo explicou ten dimensión transnacional e pretende consolidar o Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo, ou o Comité Internacional de Expertos, que integran os máis coñecidos investigadores europeos sobre o Camiño, entre outros.
Así mesmo, a responsable de Turismo da Xunta falou do Plan Director e Estratéxico do Camiño, para o que se tivo en conta a opinión do 100% do sector participando na súa elaboración un total de 170 organizacións e 220 expertos.
Camiños do Norte, Patrimonio Mundial
Por outra parte, Nava Castro destacou a declaración dos Camiños do Norte como Patrimonio Mundial da Unesco neste ano. A directora de Turismo de Galicia destacou que este recoñecemento internacional é un novo empuxe para o Camiño xa reflectido no número de peregrinos xa que, segundo sinalou, o Camiño do Norte e o Camiño Primitivo viron aumentada a súa cifra de peregrinos nun 12,28% e nun 34,1%, respectivamente, desde a declaración.
Consolidación da relación entre Galicia e Paraguai
As relacións entre Galicia e Paraguai están a ser cada vez máis intensas, tal e como se recolle no protocolo de colaboración asinado en FITUR a principios deste ano para poñer en marcha iniciativas conxuntas de promoción turística, tras un encontro previo en Galicia no que se acordou fomentar a peregrinación en ambos os continentes e onde a ministra de Turismo de Paraguai recibiu a medalla de ouro da Orde do Camiño en recoñecemento ao seu labor a favor da promoción e difusión do Camiño de Santiago.