Alternativa dos Veciños denuncia o estado lamentable no que se atopa o patio da Escola de Educación Infantil de Vilarrodís, onde mesmo o peche que protexe os nenos e nenas de caídas por un noiro, atópase cedido en varias zonas.
Alternativa dos Veciños afirma ter coñecemento de que tanto o profesorado do centro como as nais e pais do alumnado, levan meses informando o concello da situación e solicitándolle solucións e melloras. Pero, pasan os meses e o Goberno Municipal non é quen de realizar as actuacións tan necesarias e urxentes, principalmente as relacionadas coa seguridade dos nenos e nenas.
“A zona verde do patio atópase repleta de fochancas; as mesas, bancos e casiñas de madeira de madeira están esnaquizadas; as portas que dan acceso ao patio non funcionan adecuadamente e o valado que pecha o patio e protexe aos nenos de caídas polo talude existente, atópase en mal estado e cedido nalgunhas zonas. Ninguén pode entender o deixamento e pasotismo que mostra o equipo de goberno, que mesmo tendo constancia da situación e atendendo que se trata dunha escola de educación infantil, onde hai escolarizados nenos de tres, catro e cinco anos, non se tomen medidas urxentes para solucionar as deficiencias existentes e, que ademais algunhas supoñen un serio risco para os nenos”, apunta Noelia Martínez.
“Desde Alternativa demandámoslle ao Goberno municipal que se tomen as medidas oportunas e que se proceda de inmediato a arranxar as deficiencias existentes, para que así o profesorado e o alumnado poidan desenvolver con normalidade as actividades escolares” matiza a voceira de Alternativa, Noelia Martínez.