O despropósito do proceso de licitación do servizo pon en risco dende o 1 de decembro a operatividade nos peiraos e a seguridade marítima
Dende o BNG da Costa da Morte asistimos con enorme preocupación á falta de interese do Goberno da Xunta de Galicia por garantir a operatividade dos portos de Cee, Corcubión e Laxe e a seguridade marítima na Costa da Morte, que dende o 1 de decembro do 2022 carece de práctico.
Hai case un ano que dende o BNG vimos advertindo sobre o risco de que esta situación chegase a producirse. Por desgraza, o tempo danos a razón. O proceso de licitación do servizo de practicaxe foi un despropósito dende o minuto 1, cun prego de condicións que demostraba o absoluto descoñecemento do alcance do traballo dun práctico. Estamos a falar dun servizo que desempeña un papel vital na seguridade de navegación, dos propios buques, tripulantes, instalacións portuarias e a protección do medio ambiente mariño, estando obrigados a estar a disposición de Capitanía Marítima 365/24 por razóns de emerxencia ou de seguridade marítima.
Por iso volvemos a presentar unha serie de iniciativas para que dende o Parlamento de Galiza se esixa á Xunta a cobertura inmediata do servizo de practicaxe na Costa da Morte. E, tendo en conta que Portos de Galiza xa anunciou que non habería outra licitación, que solución vai buscar a Xunta para cubrir este servizo? Vaise optar por unha adxudicación directa? Optará o goberno galego por habilitar para a zona un profesional que estea prestando servizo noutros portos? Vaise negociar coa persoa que aprobou o exame e realizou os seis meses de prácticas nos portos da Costa da Morte? Vaise a formar un práctico en activo? Optarase pola contratación a través dunha empresa? Cales van ser as condicións económicas da persoa que desempeñe o servizo de practicaxe nos portos da Costa da Morte? E, por último, pode garantir o goberno galego que os portos da Costa da Morte contarán no prazo dun mes, desde o rexistro desta iniciativa, cun servizo especial de practicaxe?