Friday 22 de November de 2024

Isabel Soler Rivas realizará a escultura en homenaxe ás vítimas da violencia machista


A proposta presentada por Isabel Soler Rivas co título Como agua resultou gañadora do concurso de ideas para unha escultura en homenaxe ás vítimas da violencia de xénero convocado pola Concellaría da Igualdade da Pobra do Caramiñal. Trátase dun compromiso adquirido pola Administración local para lles render unha homenaxe a estas mulleres e lanzar unha mensaxe de repulsa á violencia machista, segundo explicaron o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), e a concelleira da Igualdade, Charo Varela (Nós Pobra), baixo o formato dun certame cunha dobre óptica: artística e reivindicativa.

A gañadora, veciña da Pobra, atopábase no momento de apertura de sobres na localidade, polo cal, en canto recibiu a comunicación, non dubidou en se achegar ata o Auditorio do Museo Valle-Inclán, instalación en que se deu a coñece-lo ditame neste 17 de xaneiro.

Soledad Penalta e Aida López, recoñecidas artistas, xunto con Carolina Rodríguez e Begoña Olveira, en representación do persoal municipal do Concello, integraron o xurado. Concorreron 3 traballos, dos cales un foi descualificado por non recoller toda a documentación exixida nas bases, e afirmaron que resultou difícil decantarse por cal transmitía mellor a vontade desta iniciativa. Finalmente, seleccionaron Como agua polo concepto do movemento, do dinamismo, que comunica a idea de que hai saída da violencia de xénero. O premio supón unha dotación económica de 3 000 euros, a entrega dun diploma e a adxudicación da realización da talla por un importe máximo de 9 000 euros.

Concedéronlle, ademais, un accésit a Columba Bello Bugallo con Amar ao se tratar da segunda obra mellor valorada. O galardón supón a entrega dun diploma honorífico.
Agora comeza o período de execución da talla, que se colocará nun espazo público acorde coas súas características e contexto. Así mesmo, terá lugar un acto público de entrega dos premios.