— Ángeles Vázquez subliña que un dos obxectivos da norma é acabar coa inseguridade xurídica que desde hai anos sofren os titulares de instalacións en dominio público e que bloquea proxectos e investimentos estratéxicos para o futuro destes municipios
— Anima aos responsables municipais a enriquecer coas súas achegas o anteproxecto xa que a lei clarificará e facilitará o exercicio das competencias locais neste ámbito
A Xunta reuniu hoxe en Santiago a ao redor dunha trintena de alcaldes, concelleiros e técnicos municipais de concellos costeiros de toda a Comunidade co fin de presentarlles o anteproxecto da Lei de ordenación do litoral de Galicia (Lolga) e resolver as posibles dúbidas ou cuestións que poidan ter ao respecto da súa aplicación práctica e das repercusións para os seus respectivos municipios.
Acompañada pola secretaria xeral Técnica, Carmen Bouso, e a catedrática da Universidade da Coruña e membro do Observatorio do Litoral de Galicia, Marta García, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, subliñou a importancia e o impacto positivo da futura norma para os 82 concellos costeiros galegos, xa que será a primeira coa que contará a Comunidade co fin de regular os usos e actividades ao longo dos seus máis de 2.000 km de costa.
Tras recordar que desde o primeiro momento a Xunta foi da man das entidades locais no impulso e na redacción desta lei, a responsable autonómica indicou que “son os concellos os que moitas veces sofren as consecuencias das interpretacións tan restritivas que nos últimos anos” estaba a facer Costas do Estado sobre as actividades que podía albergar esta franxa, bloqueando mesmo o desenvolvemento de novos proxectos ou posibles cambios de uso de construcións localizadas en dominio público.
Ao respecto, explicou que a lei impulsada pola Xunta pretende acabar con esta inseguridade xurídica que afecta aos titulares de concesións sobre instalacións localizadas na franxa costeira a través dunha definición clara e adaptada ás singularidades de Galicia dos usos e actividades que se permiten, destacando aqueles considerados estratéxicos para o desenvolvemento socioeconómico do litoral.
A modo de exemplo, Ángeles Vázquez referiuse a unha recente sentenza relacionada coa concesión dunha licenza municipal en Camariñas para rehabilitar unha vivenda na zona de tránsito e servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre e reconvertela en casa de hóspedes.
Segundo explicou, a decisión do Concello foi recorrida polo Goberno central pero a finais do ano pasado a Xustiza deulle a razón tanto ao Goberno local como á Xunta, que tamén se persoou no procedemento para defender o criterio interpretativo aplicado para outorgar a licenza. “O que pretendemos é que os técnicos municipais teñan seguridade á hora de informar calquera proxecto”, resumiu Ángeles Vázquez.
Precisamente e tendo en conta o papel clave que terán os concellos na aplicación práctica da futura lei, a conselleira animou aos responsables municipais a enriquecer coas súas achegas o anteproxecto —en trámite de información pública ata o 20 de xaneiro— xa que co seu impulso o que busca a Xunta é clarificar e facilitar tamén o exercicio das competencias dos concellos na franxa costeira.
Nesta liña, lembrou que son eles os que elaboran, aproban e xestionan os instrumentos de ordenación urbanística e tamén se encargan do deseño e execución de certas actuacións consideradas estratéxicas na futura lei, como poden ser as sendas litorais ou a concesión de licenzas para rehabilitar e destinar a uso turístico edificacións preexistentes e que polo seu valor histórico ou arquitectónico merezan ser preservadas.
Así mesmo, incidiu en que esta norma foi concibida “para todos os galegos e galegas” co fin de promover unha ordenación da costa acorde coa realidade da Comunidade e que combine a protección medioambiental, o desenvolvemento económico e o respecto dun modo de vida historicamente ligado ao mar. Neste sentido, asegurou en que a nova Lei de ordenación do litoral “non vai contra ninguén”, senón que defende os intereses de Galicia desde a “plena capacidade para lexislar e regular a franxa costeira” da Xunta. “É unha lei que non se extralimita. Ten aval constitucional e estatutario e céntrase unicamente nas competencias que nos outorga o Estatuto de Autonomía”, declarou.