A alcaldesa e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, presentou esta mañá no Pazo xunto co director do Agadic, Jacobo Sutil, o responsable da compañía Malasombra Producións, Xoque Carbajal, e o actor e director naronés José Prieto a obra “Vox Populi”. O Pazo acollerá a estrea desta peza de teatro musical esta fin de semana, os días 20 e 21–ás 20.30 e 20.00 horas respectivamente- e as entradas poden adquirirse no despacho de billetes do Pazo e na web do Padroado: www.padroadodecultura.es. O prezo é de 9,50 euros para o público xeral e de 6,65 para aboados, desempregados e persoas con carné xove ou de estudante (ata 25 anos).
Ferreiro recoñeceu que “é un orgullo que sexa Narón o lugar elixido para esta estrea dunha obra das compañías de maior relevancia no panorama cultural galego actual”, ao tempo que destacou o feito de que na mesma participen sete profesionais da cidade. Doce actores, actrices e músicos interpretarán en directo unha ópera rock con música e letras orixinais.
Na súa intervención a alcaldesa da cidade valorou a colaboración das administracións, neste caso a través do Concello e a Xunta de Galicia, para respaldar a produción cultural. “Grazas ao Agadic por esta colaboración para materializar este e outros espectáculos e parabéns a Malasombra Producións polo seu traballo e a todo o equipo de Vox Populi, que estamos desexando ver sobre o escenario do Pazo”, asegurou Ferreiro.
Pola súa banda, o director do Agadic agradeceu ao Concello de Narón o seu labor e recordou a participación da administración autonómica neste espectáculo a través de dúas liñas de colaboración. “Este proxecto insírese dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios, no que acabamos de comezar o primeiro semestre con oito funcións en Narón, dúas deste espectáculo”. Así mesmo, asegurou que “para nós é un pracer colaborar co Concello de Narón que como todos sabemos é un dos máis importantes non só polo Pazo da Cultura senón tamén polo nivel de programación”.
A continuación, Xoque Carbajal recoñeceu que “Vox Populi” é “o proxecto máis ambicioso da compañía”, explicando que fala sobre “eses mandatarios que chegan ao poder axudados polo pobo pero que despois comezan os problemas e as represións, do que hai moitos exemplos”. O responsable de Malasombra Producións agradeceu a colaboración do Concello e de Agadic neste espectáculo.
Finalmente, o autor e director da obra, o naronés José Prieto, agradeceu o ofrecemento da compañía para poder participar nesta obra. “Esta é a primeira ópera rock que se fai en Galicia”, destacou, incidindo en que “a xente que lle guste o rock ten un sitio perfecto aquí para vir a unha especie de concerto, e teatralmente cóntase unha historia de cómo a través dun voto inocente, non dende a ideoloxía, chega ao poder alguén que non ten os mesmos fins que un inocentemente pensaba e xorde o dilema da xente de que facer despois”. Prieto definiu a obra como “unha traxedia grega”. En canto á posta en escea, subliñou “conta coa presenza dun héroe, Carlos Mosquera Mos, que é probablemente unha das mellores voces de Galicia e compositor da obra, que son corenta cancións, algo que creo que non ten precedentes en España”. En hora e media o público “poderá escoitar boa música, unha historia moi entretida, irónica e con interacción”, tal e como avanzou Prieto.
Dende o Concello, o Agadic e a propia compañía animaron ás veciñas e veciños a acudir á estrea desta peza de teatro musical, cunha novidosa posta en escea.