Ante as informacións vertidas ós medios de comunicación por parte da oposición en relación ó aluguer dunha nave situada no Polígono de Costa Vella para ubicar de xeito provisional os servizos municipais de Parques e Obras e Medio Rural, gustaríame aclarar que NON teño vinculación algunha coa empresa titular da nave en cuestión.
Ademais, ante as dúbidas suscitadas no día de onte, esta mesma mañá puxen a disposición do secretario xeral do Concello de Santiago toda a documentación relativa á empresa da que son administrador único e que se atopa inactiva en tanto en canto ostento este cargo público no concello.
A miña intervención neste procedemento de contratación limitouse a participar na Xunta de Goberno que adoptou o acordo de alugar esta nave, a proposta doutra concelleira, e avalada como sempre, por un informe técnico favorable que recalcaba que “non se atoparon ofertas que agruparan conxuntamente as necesidades definidas para os departamentos municipais afectados”, sinalando esta opción como a que daba resposta a estas e que se axustaba ós prezos de mercado para a zona.
Así as cousas, quero deixar claro que a información dada por Compostela Aberta e compartida polo Partido Popular de Santiago e o BNG é rotundamente falsa ademais de oportunista cun claro tinte electoral. Crear unha polémica en base a unha noticia falsa é síntoma dun populismo que está cada vez máis instaurado na maneira que ten a oposición de facer política.
Ademais, o feito de que Compostela Aberta intente enganar así á cidadanía, cando no seu mandato chegouse a sinalar preto de dúas decenas de contratos adxudicados “a dedo” a familiares e persoas vencelladas ao grupo supón un acto de hipocrisía e falta de honestidade coa cidadanía de Santiago.