Sunday 24 de November de 2024

O Concello publica as bases para participar nos concursos de comparsas, carrozas e choqueiros no Entroido deste ano


A comparsa gañadora interpretará dúas cancións do concurso no acto de entronización do Deus Momo que terá lugar no Obelisco o venres 17 de febreiro

Os concursos infantís de disfraces e choqueiros terán lugar o martes 21 de febreiro, entre o Campo da Leña e a rúa da Torre

O Concello da Coruña, a través da área municipal de Cultura, publicou este martes as bases de participación nos concursos previstos na vindeira edición do Entroido, que abranguen a competición de comparsas (en dúas modalidades: música e letra; e vestiario, coreografía e orixinalidade); a de carrozas; o concurso infantil de disfraces (en dúas modalidades: individual; e en grupo); e o concurso de choqueiras e choqueiros, que tamén se desenvolverá baixo un dobre formato, ideado tanto para adultos como en categoría infantil.

O prazo de presentación de solicitudes de participación, no caso dos concursos de comparsas e carrozas, é de dez días naturais, que se contarán a partir deste mércores 18.
As bases para as dúas modalidades do concurso de comparsas (música e letra; e vestiario, coreografía e orixinalidade) establecen que poderán formar parte do mesmo aquelas persoas ou entidades, con agrupacións dun mínimo de 10 participantes disfrazados para a ocasión, que efectúen previamente a súa inscrición mediante o envío dun correo electrónico á entroido.imce@coruna.es, ou mediante a súa presentación nas oficinas do IMCE (Avenida da Mariña, 18).

O concurso resolverase nun festival que terá lugar o sábado 11 de febreiro (18.00 horas) en Palexco. O venres 17 (21.00 horas), a comparsa gañadora terá que interpretar dúas cancións do concurso no acto de entronización do Deus Momo que terá lugar no Obelisco.

No caso do concurso de carrozas, o procedemento ábrese ás persoas e entidades que, tras efectuar o procedemento indicado anteriormente, se comprometan a construír unha carroza e a asistir con ela ao desfile de carrozas e comparsas que percorrerá o Cantón Pequeno, ata a praza de María Pita, o sábado 18 de febreiro, a partir das 17.30 horas.

O Concello establecerá un mínimo de tres premios en metálico para estas tres categorías (comparsas, nas súas dúas modalidades; e carrozas), premios que oscilan entre os 800 e 1.500 euros en función do posto final, ademais de premios á orixinalidade e accésits.
O Goberno de Inés Rey busca potenciar coa celebración do Entroido as tradicións locais, impulsando unhas das citas máis relevantes do calendario festivo coruñés e organizando diversas actividades para eses días.

Os concursos infantís de disfraces e de choqueiros

O Concello tamén notificou hoxe as bases para tomar parte no concurso infantil de disfraces de Entroido, ao que se poderán presentar todas as nenas e nenos que se inscriban o mesmo día da celebración (martes 21 de febreiro, desde as 17.00 horas, no Campo da Leña). A localización prevista é susceptible de variacións en función das condicións meteorolóxicas, e sería notificada, en tal caso, a través das canles oficiais do Concello.

No concurso infantil de disfraces, con dúas modalidades (individual; e en grupo) poderán participar as nenas e nenos nados despois do 31 de decembro de 2010. Poderase participar nunha única modalidade.

Os premios, con tres gañadores tanto na modalidade individual como na grupal, oscilarán entre os 50 e 150 euros, valedeiros para lotes de libros de literatura infantil.
Estas bases son idénticas ás que se plantexan para o concurso infantil de choqueiras e choqueiros, que tamén se levarán baixo modalidade individual e grupal, e co mesmo balance de premios ás nenas e nenos gañadores.

O concurso de choqueiros terá lugar o día 21 de febreiro

Por último, e tamén con vistas ás festas de Entroido, o Concello notificou as bases para a inscrición de participantes no tradicional concurso de choqueiras e choqueiros, que se abrirá o mesmo día da celebración (martes 21 de febreiro, de 19.00 a 20.00 horas), no acceso principal á Escola Municipal de Música (Rúa da Torre, 67).
Será baixo dúas modalidades: individual e en grupo (máis de dúas persoas). Só se permitirá tomar parte nunha única modalidade.

O concurso terá lugar nun escenario instalado na confluencia entre a rúa da Torre e a rúa Curros Enríquez, a partir das 20.00 horas. Se houbese variacións de localización por mor da situación meteorolóxicas, tamén será notificada polo Concello previamente.

Poderán tomar parte neste concurso todas as persoas nadas antes do 1 de xaneiro de 2011. Os premios na modalidade individual oscilan entre os 150 e 500 euros; e entre 200 e 600 na modalidade grupal.