Saturday 16 de November de 2024

Árbores caídas e veigas asolagadas, principal balance do temporal en San Sadurniño á espera de que a neve se deixe ver nas zonas altas


Galicia viviu -e está vivindo aínda- o primeiro grande temporal de 2023, que durante a xornada de onte e a madrugada de hoxe sementou o país de incidencias provocadas polos fortes refachos e pola grande cantidade de auga que caeu. A estación de Meteogalicia en Aldea Nova, a máis próxima a nós, rexistrou ventos superiores aos 90 quilómetros por hora na madrugada de domingo para luns e entre as 20:00 e as 22:00h. O aire zoou constante, aínda que diminuindo de intensidade nas últimas horas, e foi a principal causa dos problemas que se produciron en San Sadurniño: árbores caídas, pólas e follas nas pistas e, por mor da chuvia, veigas asolagadas e regatos desbordados.

Xa na mañá de onte luns os servizos municipais tiveron que aplicarse a fondo para atender os avisos de pólas e árbores que obstaculizaban as pistas, que nalgúns puntos se despexaron con axuda veciñal. Ademais, a caída de árbores tamén provocou interrupcións na subministración eléctrica en Igrexafeita e Naraío e mesmo danou un tramo da pasarela de madeira do paseo fluvial.

Hoxe a estampa repetiuse, co engadido das chuvias que asolagaron os terreos inmediatos ás concas do Xubia e do Castro. Neste sentido temos constancia de dous inmobles afectados, situados ambos preto da ponte de Cornide -un deles é o antigo muíño de Mera- onde é habitual que chegue a auga cando hai crecidas importantes.

Sen saír de San Sadurniño, tamén se rexistraron rebordamentos na zona industrial da Bidueda que botaron a auga por riba da DP-7601 (ao pé das naves do Grupo Pena) e do inicio da pista que sobe á Penamoura, sen que fose necesario interromper a circulación. Onde sí cumpriu cortar o paso foi no pontigo que enlaza Cornide coa AC-112 (a estrada de Pedroso), impracticable por causa da riada.

O temporal terá hoxe e mañá as súas principais repercusións no mar, cun aviso de risco extremo por fortes ondas na faixa costeira que nos queda máis preto, e tamén nas zonas altas, onde se anuncian precipitacións de neve en cotas a partir dos 300 metros. Polo tanto, moita precaución.