A convocatoria permanecerá aberta desde este mércores até o 14 de febreiro
O orzamento total das axudas, que pode chegar aos 550 euros por alumna ou alumno, ascende a 15.000 euros
O Boletín Oficial da Provincia deste martes 17 de xaneiro publica o anuncio do Concello de Moeche referido á apertura do prazo de solicitude das axudas municipais dirixidas a colaborar coas familias nos gastos de estudo das súas fillas e fillos, así como nos derivados do desprazamento do alumnado a centros situados fóra do municipio. O importe total que se distribuirá entre as solicitudes que cumpran os requisitos ascende a 15.000 euros. Dependendo do curso no que se teña matrícula, do nivel de renda per cápita da unidade familiar e, de ser o caso, da distancia á que se atope o centro de ensino, a axuda poderá chegar até os 550 euros por alumno ou alumna. O prazo de solicitude permanecerá aberto desde o 18 de xaneiro até o 14 de febreiro (ambos días incluídos) e o trámite pode facerse a través da Sede Electrónica, presencialmente nas oficinas municipais ou por calquera das vías admitidas na normativa que regula a relación coas Administracións Públicas.
Nas bases -publicadas o pasado 12 de xaneiro- establécense dous tramos de axuda dependendo dos topes de renda: un para familias que non superen os 8.000 euros de renda per cápita e outro para aquelas familias que estean entre os 8.000 e os 10.000 euros de renda por cabeza, que é o tope máximo para poder acollerse ás achegas municipais.
Para o actual curso escolar volve haber dúas liñas, compatibles con bolsas ou axudas similares concedidas por outras administracións. Na primeira concederanse as axudas para actividades relacionadas coa formación, da que poderán beneficiarse os alumnos e alumnas con matrícula no CEIP San Ramón ou que cursen ESO, Bacharelato, FP, estudos universitarios -agás posgraos- ou mesmo ensinanzas superiores de tipo artístico en calquera centro público. Tamén poderá acceder ás bolsas aquel alumnado con necesidades educativas especiais que deba acudir a un centro fóra de Moeche. Os importes das axudas van desde os 100 até os 300€, dependendo dos niveis de renda e dos estudos cursados (ver o cadro inferior).
A segunda liña son as axudas para desprazarse estudar fóra do municipio, cuxa concesión se relaciona tamén cos niveis de renda per cápita e coa distancia á que se encontre o centro de ensino. Se se cumpren os requisitos, a axuda poderá ser de 125, 150, 200 ou 250 euros.
Ambas liñas tamén son compatibles entre si, de modo que, por exemplo, unha rapaza ou rapaz que curse estudos universitarios a máis de 100 quilómetros de Moeche e que se axuste ao tramo de renda máis baixo, podería percibir ata 550 euros de axuda municipal.
O prazo de presentación de solicitudes é de 20 días hábiles contados a partir do día seguinte á publicación no BOP do anuncio conforme a convocatoria foi incluída -e tamén publicada- na Base de Datos do Sistema Nacional de Subvencións. Botando contas sae que o último día é o martes 14 de febreiro.
O trámite poderá facerse presencialmente nas oficinas municipais, a través da Sede Electrónica ou por calquera dos outros medios admitidos na normativa de relación coas Administracións públicas. Para calquera dúbida sobre as bases, os requisitos ou os prazos pódese chamar ao Concello -981 404 006- ou mandar unha mensaxe a correo@moeche.gal.