Así llelo comentou ao alcalde o presidente de Portos
O alcalde Manuel Ruiz mantivo onte pola tarde unha reunión co presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, na que este lle explicou os distintos modelos de xestión que baralla o ente autonómico para o funcionamento da nova lonxa de Riveira. Neste senso, Durán Hermida informou ao rexedor municipal de que se están a estudar tres posibles alternativas.
As dúas opcións que a priori Portos de Galicia ve máis factibles pasan, en primeiro lugar, por que a infraestrutura sexa xestionada –con ou sen participación do Concello- polo propio sector do mar, criterio compartido polo propio rexedor, ou ben por que sexa unha empresa de servizos a que asuma este labor.
Unha terceira alternativa que en principio parece menos atractiva para Portos é a de que o propio Concello xestione en solitario este servizo tal e como viña sucedendo ata agora.
Postos de traballo
Manuel Ruiz manifestoulle ao presidente de Portos que a súa preocupación principal neste asunto é que a lonxa supoña unha oportunidade para a creación de emprego e avogou por que calquera posible cambio de concesionario non supoña un cambio no modelo de xestión que puidese poñer en perigo postos de traballo, dadas as singulares características que ten o sector do mar en Riveira, con varias importantes vendedorías e distintas asociacións como o arrastre, o cerco ou o palangre.
Está previsto que o alcalde manteña a vindeira semana unha reunión técnica cos usuarios da lonxa co obxecto de explicarlles polo miúdo este tema e buscar a súa implicación.