Ata o mes de maio de 2021, os departamentos dos Servizos Municipais de Medio Rural e Parques e Xardíns estaban situados nas inmediacións da antiga estación de buses de San Caetano, en réxime de aluguer á empresa Tussa, por un importe de 4.760,98 euros/mes.
Unha vez, a Xunta de Galicia adxudica a demolición da estación, a consellaría de Infraestruturas comunica ao Concello como prazo límite para desocupar as instalacións o 15 de setembro de 2021. Ante isto, solicítase un aprazamento para executar ese desaloxo, que non foi autorizado, polo que aparece a urxencia de buscar unha alternativa provisional para darlle continuidade aos servizos municipais e que, ademais, debía ser operativa desde a súa primeira ocupación.
Tendo en conta as especificidades da ubicación que se necesitaba, e os axustados prazos para executar o traslado, realízase unha revisión de ofertas inmobiliarias que deran resposta as necesidades, tal e como se recolle no informe técnico que avala a elección do emprazamento actual no Polígono de Costa Vella. Un espazo, de ocupación inmediata, sen necesidade de actuacións de adaptación, cun espazo de oficina de 227 m2, 3 prazas de garaxe e un espazo de almacenamento con acceso directo ao exterior de 360 m2.
Cun informe técnico que avala esta opción, sinalando que “non se atoparon ofertas que agruparan conxuntamente as necesidades definidas para os departamentos municipais afectados”, é a concelleira delegada de Políticas Sociais, Saúde, Medio Ambiente e Parques e Xardíns a que propón á Xunta de Goberno, o aluguer de estas instalacións á empresa Desproi Promociones SL.
Paralelamente, trabállase na adecuación dunhas oficinas definitivas en Amio, aproveitando o fin próximo da concesión privada. Así, a Xunta de Goberno aproba o proxecto construtivo denominado “Acondicionamento de oficinas para a concellaría de Medio Rural e o Servizo de Parques e Xardíns e implantación de novas instalacións para a Brigada de Parques e Xardíns no Recinto Ferial de Amio”.
Unha vez desaloxadas estas instalacións no mes de outubro, a día de hoxe disponse xa dun orzamento para o seu aluguer e a súa reforma. Son 397.078,89 euros dun proxecto que se sacará a licitación de forma inmediata, e porá os cimentos da ubicación definitiva de devanditos servizos municipais.
Feito o relato cronolóxico con plena transparencia da actuación do Goberno Local, cómpre destacar tres cuestións:
- A duración estimada do alugueiro das instalacións actuais en Costa Vella que figura no acordo da Xunta de Goberno é, como así se recalca, unha estimación susceptible de prórroga, en función da evolución do proxecto para as dependencias definitivas.
- A actuación do goberno procurou en todo momento garantir o normal e correcto funcionamento dos servizos municipais, o que derivou na urxencia de buscar unha alternativa inmediata que evitase un parón da actividade ao contar con moi pouco marxe debido aos curtos prazos que se nos proporcionou desde a consellaría de Infraestruturas.
- Na declaración de intereses do concelleiro de Medio Rural, José Manuel Pichel, consta como administrador único de Servicios Técnicos Gaia, mais non consta que el, nin a empresa teñan ningunha vinculación nin participación accionarial con Desproi SL, propietaria da nave na que se sitúan de xeito provisional os servizos municipais.