A Concellería de Benestar Social ofrecerá comida, bebidas quentes, roupa seca e sacos para durmir ás persoas sen fogar, que poderán pernoctar no Centro Cívico dos Mallos a partir das 21:00 horas de hoxe
Ante a situación de alerta vermella polo temporal que azouta a cidade, o Concello da Coruña pechará este martes todas as praias e parques, así como os accesos ao Paseo Marítimo, co obxectivo de reforzar o dispositivo de seguridade por mor das inclemencias meteorolóxicas.
O Concello insta á cidadanía a extremar as precaucións e non achegarse ao bordo costeiro, asi como alonxarse das praias e lugares que podan ser afectados polas mareas e as ondas, debido á intensidade do vento, así como a non situarse nos extremos dos peiraos ou espigóns da cidade. Por outra banda, o Concello tamén recomenda non circular con vehículos polas estradas lindeiras á liña de praia no Paseo Marítimo, así como alonxarse de cornisas, muros, árbores ou vallas publicitarias.
A maiores, a Policía Local recomenda, como medida de carácter preventivo nos fogares, a retirada de macetas e de todos aqueles obxectos que sexan susceptibles de precipitarse á rúa por mor do vento e a choiva.
Ademais, a Concellaría de Benestar Social, Igualdade e Participación Cidadá vén de activar un dispositivo de emerxencia para acoller ás persoas sen fogar da cidade.
A partir das 21:00 horas de hoxe, as persoas que o desexen poderán pernoctar no Centro Cívico dos Mallos, onde se lles ofrecerá comida, bebidas quentes, roupa seca e sacos de durmir. “O dispositivo está previsto para esta noite e a de mañá, martes, e poderá prolongarse ao longo desta semana se fose necesario”, explicou a concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación Cidadá, Yoya Neira.
O servizo de pernocta estará operativo entre as 21:00 e as 8:00 horas. Os equipos do Servizo Municipal de Atención ás Emerxencias Sociais (SEMUS) e os equipos de rúa percorren a cidade avisando aos posibles usuarios deste servizo de emerxencia para que se trasladen ao centro cívico.
Neira lembrou que, ademais deste dispositivo especial nocturno, as persoas sen fogar poden utilizar tamén os demais centros cívicos durante o día. Tamén a Institución Benéfico Social Padre Rubinos flexibilizou as súas condicións de acollida mentres dure o temporal.
Nas próximas horas espérase un acusado descenso das temperaturas coa chegada das borrascas Gérard e Fien, que afectará sobre todo á metade norte peninsular con fortes ventos, choiva, frío e neve.