A alcaldesa, Inés Rey, e a concelleira de Igualdade, Benestar Social e Participación, Yoya Neira, recibiron hoxe ao presidente e á directora de Adaceco (Asociación de Dano Cerebral da Coruña), Juan Luis Delgado e Natalia de Llano. A xuntanza foi nun ton positivo, tal e como apuntaron as partes, e serviu para poñer en coñecemento do Goberno municipal as dificultades atopadas pola asociación para a construción do seu centro de día, para o que o Concello cedeu terreos municipais.
A alcaldesa comprometeuse a solicitarlle á Consellería de Política Social da Xunta de Galicia un compromiso para o financiamento deste centro “esencial para A Coruña e a súa área”. “Reiteramos o noso compromiso para unir forzas co resto de administracións e buscar unha solución conxunta a esta problemática. Nós poñemos temporalmente á súa disposición os espazos e dependencias municipais que se adapten ás necesidades da entidade, de non existir, buscaremos no ámbito privado un lugar axeitado”, sinalou Inés Rey.
As estimacións sinalan que unhas 1.200 persoas do ámbito coruñés padecerán durante este 2023 doenzas relacionadas co dano cerebral adquirido. Adaceco conta na actualidade con 150 usuarios e usuarias e precisa destas novas instalacións para atender a máis persoas.