Tuesday 24 de December de 2024

Últimas prazas para facer uso das instalacións da ludoteca municipal da Solaina


A concelleira de Ensino e Bibliotecas, Mercedes Taibo, informou que aínda quedan algunhas prazas vacantes para a ludoteca municipal da Solaina, ubicada no número 2 da rúa Cardenal Cisneros. A edil naronesa animou ás familias da cidade a facer uso deste servizo de conciliación familiar que, como recordou, se dirixe a familias con menores de entre 2 e 12 anos.

As prazas dispoñibles na actualidade son, para a quenda de luns, mércores e venres de 16.00 a 19.00 horas, unha para o grupo de 3 a 6 anos e seis para o de 7 a 12; na quenda dos martes e xoves de 16.00 a 19.00 horas hai nove prazas para o grupo de 3 a 6 e catro para o de 7 a 12 e, finalmente, na quenda dos luns e martes de 18.00 a 19.00 cinco prazas para os menores de 2 anos.
“Os menores realizan unha serie de actividades socioeducativas e de socialización a través dos xogos e os libros, interactuando entre eles segundo as súas idades”, explicou Taibo.

A concelleira recordou que as persoas interesadas en anotarse ou obter máis información sobre este servizo municipal poden facelo nas propias instalacións, de luns a venres en horario de 19.00 a 20.00 horas; a través do correo electrónico: ludoteca@naron.es, no teléfono 981 389 284 ou no Facebook da Ludoteca municipal de Narón.