– Referenda o compromiso do Goberno galego cos proxectos estratéxicos previstos para Ferrolterra e demanda ao Goberno central unha aposta clara pola comarca na asignación dos fondos europeos
– Aplaude a apertura no Polígono Industrial das Lagoas dun novo centro de tratamento de grandes pezas de aceiro único en España
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ratifica o apoio do Goberno galego ás pemes co investimento de 11 millóns de euros en centros de fabricación avanzada que reforzan a competitividade de Galicia con infraestruturas compartidas. Acompañado polo vicepresidente primeiro, Francisco Conde, o mandatario galego visitou as novas instalacións do Consorcio Gallego de Tratamientos Térmicos (Cogaltra), participado polo grupo Intaf en Narón (A Coruña), onde aplaudiu a apertura no Polígono Industrial das Lagoas dun novo centro de tratamento de grandes pezas de aceiro único en España.
O titular do Goberno galego recordou que, desde o ano 2020, a Xunta leva destinados 16,2 millóns de euros a pemes e grandes empresas para a posta en marcha de proxectos por valor de 23 millóns, algún deles de extraordinaria potencia, como a Cidade das TIC da Coruña ou o polo Sionlla Biotech de Santiago. E avanzou que, no segundo trimestre deste ano, vaise lanzar unha nova convocatoria destinada a pequenas e medianas empresas que estará dotada de 11 millóns de euros e que ten como obxectivo a posta en marcha de centros de fabricación avanzada que, subliñou, contribúen considerablemente a reforzar a competitividade da planta industrial galega “compartindo esforzos para seguir innovando”.
Alfonso Rueda valorou o proxecto que desenvolve en Narón o grupo Intaf, que conta xa con tres plantas, oito firmas e unha actividade salientable en sectores como o naval, o enerxético ou o aeronáutico. O mandatario galego salientou o interese do grupo en seguir medrando coa apertura nas Lagoas dun centro de tratamento de pezas de aceiro único no país e púxoo como exemplo de emprendemento: “Estamos a falar dunha das empresas familiares que crean riqueza en Galicia sen perder as súas esencias”, dixo.
Este ambicioso proxecto conta co apoio da Xunta a través do Igape, que destina 2 millóns a esta iniciativa encadrada nos centros de fabricación avanzada. Cogaltra permitirá crear unha vintena de postos de traballo, producir unhas 2.000 pezas ao ano e abrir estratexias de colaboración con outros sectores imprescindibles en Ferrolterra, ademais de afianzar a Galicia na siderurxia e na fabricación de pezas mecanizadas. “O que é bo para Narón e bo para Galicia”, dixo o presidente, quen engadiu que “o 2023 pode ser un ano de magníficas oportunidades que desde a Xunta de Galicia non imos deixar pasar”.
Un impulso para Ferrolterra
Con esta iniciativa, a Xunta ratifica o seu apoio polo desenvolvemento de Ferrolterra, como o fai tamén cos proxectos estratéxicos que tramitan a súa implantación na comarca mantendo o compromiso adquirido no Pacto por Ferrol: Sentury Tire e Reganosa e EDP Renovables nas Pontes ou Forestal del Atlántico en Mugardos, os tres declarados proxectos industriais estratéxicos polo Goberno galego.
Sen embargo, o presidente recordou que era imprescindible que o Goberno central se comprometera na mesma medida co desenvolvemento dunha zona transcendental para a industria galega a través da asignación dos fondos europeos. “Que os que de verdade crean riqueza, que son os empresarios, vexan nas Administracións aliados que, ademais de non poñer trabas burocráticas innecesarias, lles damos ese empurrón que ás veces é fundamental para o seu desenvolvemento”.
Rueda destacou tamén o pulo de Ferrolterra no sector naval con proxectos como o de Nervión e a alianza Navantia e Windar para a fabricación de jackets de eólica mariña, para os que tamén pediu certezas ao Goberno central, ao que insistiu na necesidade de que os fondos do Perte do naval cheguen ás empresas do sector, a través dun reparto áxil e concreto. De entrada, Galicia xa abriu a oficina Conecta Naval para definir proxectos e presentar a mellor candidatura.