Pablo Bocelo, cunha marca de 00:23:06, e Irea Alén, que deixou o cronómetro nun tempo de 00:28:25, foron os gañadores nas categorías masculina e feminina, respectivamente
A XIII edición da San Silvestre Coruña congregou este domingo a máis de 3.000 persoas, que percorreron un traxecto de algo máis de sete quilómetros, sen incidencias.
A proba, suspendida por causas meteorolóxicas o pasado 31 de decembro, celebrouse este
domingo desde as 10.30 horas, coa partipación das nenas e nenos inscritos na carreira infantil, unha proba orientada ás pequenas e pequenos de entre 7 e 10 anos. Neste sentido, a asociación infantil do colexio Fogar de Santa Margarita foi a que rexistrou o maior número de participantes.
Xa ás 11.00 horas, a alcaldesa, Inés Rey, e o capitán do Hockey Club Liceo, David Torres, deron a saída ás persoas participantes nas categorías absolutas e de marcha nórdica, que, partindo desde a praza de María Pita, percorreron os Cantóns, a praza de Pontevedra, a enseada do Orzán e o sector do Paseo Marítimo que bordea a Torre de Hércules, Orillamar e o Parrote, paso previo á meta, localizada tamén en María Pita.
Os seis gañadores das probas absolutas, nas categorías masculina e feminina, rebasaron a liña de chegada en menos de media hora, rexistrando marcas inferiores aos 29 minutos. Pablo Bocelo (00:23:06), Facundo Medard (00:23:08) e Mikel Ocerin (00:23:40) foron os vencedores na categoría masculina, mentres que Irea Alén (00:28:25), Inés Papín (00:28:38) e Nerea Sánchez (00:28:47) foron as gañadoras na feminina. Inés Rey foi a encargada de entregarlles os trofeos.
A proba mantivo o seu carácter solidario, co apoio a dous proxectos. Por unha banda, recolléronse alimentos para a Cociña Económica (con puntos de recollida durante a entrega de dorsais e tamén este domingo, o día da carreira), pero tamén se colaborou co proxecto Reis Magos de Verdad. Ademais, a San Silvestre Coruña dispuxo de ‘dorsais solidarios’ de apoio aos corredores e corredoras con capacidades especiais.
Nesta edición da San Silvestre Coruña dispuxéronse ata dez categorías deportivas, divididas en dúas de carácter infantil, dúas xuvenís e seis absolutas, ademais da de marcha nórdica e a de empresas, que se obtivo sumando os tempos dos corredores da mesma organización. Tamén houbo dous premios ao mellor disfrace, individual e colectivo.