Friday 22 de November de 2024

Comezan os traballos de humanización na contorna do grupo de vivendas María Pita, en Labañou


A actuación, que conta cun investimento superior aos 700.000 euros, suporá unha mellora da circulación peonil, a reordenación do tráfico e a creación de zonas verdes

O Concello da Coruña puxo en marcha os traballos de humanización da contorna do grupo de vivendas María Pita, en Labañou. O prazo de execución previsto é de 10 meses e o investimento municipal na actuación ascende a 728.000 euros.

O proxecto de reurbanización do grupo de vivendas de María Pita, realizado polo estudio de arquitectura RVR, divídese en cinco fases, das cales a primeira comprende o espazo interior delimitado pola avenida de Labañou, un tramo da rolda de Outeiro e o bloque de vivendas ás que se accede desde a rúa Tomás Fábregas. O Concello comeza os traballos por este espazo ao ser o espazo máis transitado da zona.

O obxectivo desta actuación é a mellora do tránsito peonil e a accesibilidade nas rúas mediante a implementación dunha plataforma única que axude ao calmado do tráfico.

Tamén se mellorará a contorna desde o punto de vista medioambiental e de integración paisaxística, incrementando de maneira notoria o arboredo e as zonas verdes no espazo público. Por outra banda, crearase unha nova zona de xogos e un espazo de lecer no patio interior existente entre os bloques de vivendas, aberto ao aire libre. A actuación requerirá a eliminación do muro de contención que divide a praza, na que se situarán parte dos xogos previstos. Se construirá tamén unha gran rampla para conectar ambos niveis.

En canto á circulación de vehículos, limitarase a velocidade a 20 quilómetros por hora e eliminarase o vial que pasaba por diante das terrazas onde se atopa a farmacia. O obxectivo é facilitar a convivencia entre peóns e automóbiles, priorizando aos primeiros. Por outra banda, aproveitarase a actuación para a mellora dalgunhas infraestruturas como son a rede de saneamento de augas residuais e de pluviais. A iluminación renovarase por completo por unha de última xeración de tipo led.

“Con esta actuación, o Goberno de Inés Rey comprométese a darlle un xiro de 180 grados a un espazo sen zonas verdes e con prioridade para os vehículos. Continuamos traballando na creación de espazos para a cidadanía nos nosos barrios”, sinalou o concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, Francisco Díaz Gallego.