A Biblioteca Municipal Pérez Parallé conmemorará este ano o Día das Bibliotecas cun obradoiro de banda deseñada, impartido polo ilustrador galego Xosé Tomás. A actividade, prevista para o sábado 24 de outubro a partir das 11.30 horas, vai dirixida a nenos/as a partir de 6 anos. Segundo informan dende a Concellería de Cultura e Ensino, o número de prazas é limitado (15) polo que será preciso inscribirse previamente. O prazo para apuntarse comeza o vindeiro luns, 19 de outubro, na propia biblioteca ou chamando ao teléfono 981 342 302 en horario de tarde, de 16 a 21 horas.
O “Obradoiro de banda deseñada: coñécete a través dos cadriños” será impartido por Xosé Tomás, recoñecido ilustrador galego. Cunha duración de 90 minutos, consistirá nunha pequena introdución teórica ao mundo da banda deseñada, para pasar logo a acción, debuxando e creando guións. A actividade encádrase no programa “Ler conta moito” da Xunta de Galicia.
Aproveitando a visita de Xosé Tomás á biblioteca Municipal de Fene, a partir do 24 de outubro, amosarase nesta instalación municipal unha mostra bibliográfica cos traballos e obras deste ilustador.