Friday 22 de November de 2024

O BNG reitera que se debe protexer Cerqueira e revitalizar Banda ó Río


Pérez Barral: “está na nosa man a posibilidade de conservar o patrimonio industrial, contribuíndo a manter viva a identidade orixinaria da vila de Ribeira”
A finalización da actividade industrial da conserveira Cerqueira, situada no barrio de Banda ó Río, fixo que o BNG reitere un proxecto que xa presentou no ano 2021 para protexer a edificación e dinamizar social e culturalmente esta zona.

Os nacionalistas lamentan que a incapacidade do Partido Popular para habilitar chan industrial durante os 32 anos que levan á fronte do goberno local se traduza na fuga de empresas e polo tanto, na perda de empregos. No BNG lembran que no ano 2006 aprobárase un proxecto para crear solo empresarial a escasos metros de onde se prevé situalo agora. “Tiveron que fugarse empresas e pasar 17 anos para que a dereita recoñeza o erro” aseguran.

O portavoz, Luís Pérez Barral, cre que “por desgraza” na parroquia de Santa Uxía de Ribeira, non se conservan mostras do pasado ligado ao mar nin tampouco da arquitectura popular. “Ribeira sufriu perdas arquitectónicas e patrimoniais que destacaban polo seu uso tradicional, industrial, ou comercial como a do secadeiro de Colomer, a da antiga casa consistorial de comezos do século XX, a dos talleres Nervión ou a do cine Rosalía de Castro”.

“Non podemos recuperar o que se perdeu” argumenta Barral para poñer énfase en que “si temos na nosa man a posibilidade de conservar e manter o que aínda segue en pé, contribuíndo a manter viva a identidade orixinaria da nosa vila”. Para o BNG é fundamental que a Administración pública actúe para preservar este edificio como un ben patrimonial de Ribeira e se retome a proposta presentada polo Bloque en 2021 para declarar a nave de Cerqueira como Ben de Interese Cultural (BIC) e que naquel momento foi rexeitado pola dereita desculpas pouco fundamentadas.

Plan revitalización

Os nacionalistas mostran o seu apoio á Asociación Social e Cultural de Bandourrío, para que ese edificio sexa un espazo para uso e desfrute da poboación e dan un paso máis ao asegurar que se precisa un “plan de revitalización urbana e social”. Pérez Barral asegura que o BNG traballará para aprobar un plan con medidas de rehabilitación, dotar de actividades culturais ao barrio e deter o o desmantelamento dos servizos públicos que alí se localizan. “A veciñanza merece un goberno local que non se esqueza de Banda ó Río e nós imos estar á altura” concluíu.