As persoas participantes estarán acompañadas por guías da Sociedade de Montaña Ártabros
O Concello da Coruña promove unha campaña de sendeirismo chamada ‘Veteranos activos’ coa colaboración da Sociedade de Montaña Ártabros. A primeira xornada celebrarase o vindeiro mércores 18 de xaneiro e transcorrerá polo concello de Cabana de Bergantiños.
Este programa está pensado para todo tipo de participantes, tanto aqueles de maior idade como para persoas que queiran iniciarse no sendeirismo. As rutas estarán dirixidas por guías de Ártabros, que serán os responsables de marcar o ritmo e as paradas. Haberá 45 prazas dispoñibles e o prezo será de 5 euros. As persoas interesadas poderán inscribirse a través do teléfono 981 21 31 15, no correo electrónico artabros@artabros.org ou de maneira presencial na sede da Sociedade de Montaña Ártabros (Rúa Santa Teresa, 14).
A hora de saída será ás 8.00 horas desde a explanada do Palacio dos Deportes de Riazor, facendo parada en Juan Flórez e Alfonso Molina. A ruta comezará na aldea de San Xoán de Briño e transcorrerá ata o Dolmen de Dombate e o Castro de Borneiro. Xa pola tarde, o grupo desplazarase ata Ponteceso e percorrerá o Paseo do Malecón, no estuario do río Anllóns.
O Goberno de Inés Rey, a través deste tipo de iniciativas, busca promover entre a cidadanía hábitos de vida saudable e a práctica diaria de actividades deportivas.