Friday 22 de November de 2024

Unha conferencia do historiador Ángel Peña coroa o paso por Carballo dunha das mellores coleccións de beléns do mundo


MÉRCORES 18, ÁS 20.30 HORAS, NO CENTRO SOCIAL SAN XOÁN BAUTISTA

O 14 de xuño pasado, o Consello de Ministros aprobou a declaración do belenismo como Manifestación Representativa do Patrimonio Cultural Inmaterial, un paso previo fundamental de cara á candidatura do belén como Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade. Unha das persoas que contribuíu a acadar ese obxectivo foi Ángel Peña Martín, doutor en Historia da Arte pola Universidade Autónoma de Madrid, especializado na investigación da imaxe relixiosa na Idade Moderna, os seus usos e funcións culturais, a clausura feminina, o Nadal e o belén.

Ángel Peña participou en decembro na inauguración da exposición De Belén ao Finisterrae, que pode verse ata o día 16 no andar -1 do Pazo da Cultura (de luns a venres, de 16.30 a 20.30 horas), e este mércores 18 coroará o paso por Carballo dunha das mellores coleccións de beléns do mundo coa conferencia titulada O belén, patrimonio inmaterial. O acto celebrarase ás 20.30 horas no Centro Social San Xoán Bautista, coa colaboración da parroquia de Carballo.

Ángel Peña é un dos belenistas máis recoñecidos do país. A petición do Ministerio de Cultura realizou no ano 2021 o estudo sobre as orixes e historia do belén en España no que se fundamentou o informe técnico para o expediente de declaración de Manifestación Representativa do Patrimonio Cultural Inmaterial.

Ten impartido numerosas conferencias sobre o belén, así como relatorios e comunicacións en congresos e seminarios de ámbito nacional e internacional. É autor de numerosas publicacións e foi director da revista Belén, que edita a Asociación de Belenistas de Madrid. Tamén ten comisariado varias exposicións, entre elas a que pode verse en Carballo, e, como recoñecemento ao seu traballo arredor do belén, no ano 2010 recibiu a Insignia de Prata da Asociación de Belenistas de Madrid e no 2016, o Trofeo da Federación Española de Belenistas.