Friday 22 de November de 2024

Os datos de viaxeiros de tren consolidan “con rotundidade e claridade a estación de Santiago como a primeira de Galicia”


O alcalde destacou que as cifras de pasaxeiros que se subiron e baixaron do tren na estación de Santiago son históricas, “nun ano de récords”. Sánchez Bugallo recordou que no 2022 “bateuse o récord de ocupación hoteleira, de estadías turísticas, e tamén no social, aínda que en parte como efecto da reactivación económica, xerouse emprego conseguindo os datos de paro máis baixos desde o 2004”.

Foron, a falta de ser contabilizado decembro, 2.778.996 os viaxeiros que rexistrou a estación de tren de Santiago, 100 mil máis que en todo o 2019 e, practicamente duplicando as cifras do 2020 e 2021. Algo que, segundo o alcalde, “permite reforzar a posición central que ocupa a nosa estación en Galicia”. Sánchez Bugallo ademais, ratificou que estes datos “respaldan a nosa proposta para a ampliación do aparcadoiro da estación”.

Uns datos que se suman aos do aeroporto, tamén de récord. 3.236.619 viaxeiros pasaron polo Rosalía de Castro, unha terminal que operou 25.458 voos, un 13.6% máis que no 2019. Ademais, desta cifra total, destacou o alcalde os 757.931 viaxeiros internacionais, un 14,7% máis que no 2019, e un síntoma “evidente da recuperación dos destinos emisores lexanos”. Tamén a terminal de carga manexou durante o pasado ano máis de 4.853 toneladas de mercadorías, que supón o 85.5% da cota de mercado de Galicia.

Recoñecemento triple pola calidade turística de Santiago

Estes datos, apoiados no traballo que vén facendo o Concello na mellora da sostibilidade turística, fixeron merecedora a nosa cidade de tres premios da Secretaría de Estado de Turismo: premio ao mellor destino SICTED de España, premio á segunda mellor acción na categoría de “Mellor proxecto de mellora de destino SICTED” e o premio á terceira mellor acción na categoría de “Mellor actuación de Sostibilidade SICTED” pola reforma da Casa do Crego e a Casa de Afora. “Un recoñecemento absolutamente extraordinario desde o punto de vista turístico na nosa cidade e tamén desde o punto de vista do crecemento e desenvolvemento da actividade económica” recalcou o rexedor.