Friday 22 de November de 2024

O Concello abre o prazo de recollida de propostas para definir tres normas xurídicas do Plan Normativo a través da plataforma Narón Participa


O Concello abriu o prazo de recollida de propostas para definir tres normas xurídicas do Plan Normativo municipal: a ordenanza de Normalización Lingüística de Narón e as modificacións da ordenanza reguladora da venda ambulante do concello e do regulamento de selección de persoal funcionario interino e laboral temporal do Concello. As persoas que desexen presentar as súas propostas poden facelo a través da plataforma Narón Participa –naronparticipa.es ou naronparticipa.gal- ata o vindeiro 23 de xaneiro.

Neste trámite poden participar as veciñas e veciños presentando propostas ou suxerencias, con carácter previo á elaboración das normas polos distintos servicios administrativos. Unha vez redactados os borradores desas disposicións (á vista das suxerencias no seu caso recibidas da veciñanza) abrirase unha nova fase participativa de audiencia, para o seu posterior tratamento plenario.
O Concello non conta actualmente cunha disposición normativa que recolla e regule o uso social do galego atendendo a todos os ámbitos da vida municipal, é dicir, unha ordenanza de normalización lingüística que estableza unhas liñas de actuación para incorporar o idioma en todos eses ámbitos. A nova ordenanza regulará o uso do galego no Concello no que respecta ao seu uso oficial e tamén aos dereitos lingüísticos, atención ao público, documentación e actuación administrativa, publicacións, accións informativas, formativas e actividades públicas, toponimia, relación con outras administracións, etc.

En canto ao regulamento de selección de persoal funcionario interino e laboral temporal do Concello, a través da súa modificación apóstase por realizar cambios puntuais en determinados artigos para adaptalos á lexislación aprobada nos anos 2020 e 2021 en materia de nomeamentos interinos e contratos temporais nas administracións públicas.
Finalmente, a través da modificación da ordenanza reguladora da venda ambulante en Narón tamén se actualizará conforme á lei actual que regula en Galicia a venda directa dos produtos primarios dende as explotacións ata o consumidor final.

Dende o goberno local animouse á veciñanza a participar na elaboración destas normas, realizando as achegas que consideren oportunas para que poidan ser valoradas por persoal técnico. Así mesmo, recordouse que poden participar na elaboración das normas propostas persoas maiores de 16 anos empadroadas en Narón ou organizacións e asociacións legalmente constituídas e potencialmente afectadas polas mesmas.