O programa Actívate viaxa dun extremo a outro do noso extenso concello. Despois da boa acollida que tiveron as actividades organizadas no outono co apoio do Consello Parroquial de Noicela-Rebordelos, volvemos a contar de novo coa colaboración veciñal para seguir activando as nosas parroquias, e así, grazas á implicación da Asociación de Veciños de Aldemunde de Arriba, este inverno poñemos en marcha un programa de dinamización na parroquia máis pequena do noso concello.
As actividades arrincarán o 24 deste mes coa inauguración dun curso de manexo dos teléfonos móbiles especialmente orientado cara as persoas maiores, pero aberto a todos os veciños e veciñas interesadas. As sesións serán impartidas por voluntariado da Cruz Vermella, coa que volvemos a contar este ano para seguir achegando as novas tecnoloxías á poboación con máis dificultade para acceder a elas. O obradoiro para mellorar o uso dos smartphones desenvolverase os días 24, 25 e 31, de 16.00 a 18.00 horas, no centro social de Aldemunde. As persoas que queiran participar aínda están a tempo de inscribirse, ou ben poñéndose en contacto coa asociación de veciños ou ben enviando un correo electrónico a comunicacion@carballo.gal.
O programa continuará durante a primeira quincena de febreiro con tres talleres teórico-prácticos que tiveron moita aceptación en Imende. O día 1, coa colaboración da Policía Local, falarase sobre seguridade viaria; o 8, sobre compostaxe doméstica, e o 15, sobre primeiros auxilios no fogar, coa participación de Protección Civil. Todas as sesións comezarán ás 17.00 horas, con entrada libre para todas as persoas interesadas.
De xeito paralelo, durante a celebración de todo o programa de actividades poderá verse no centro social unha exposición de fotografía.
Todas as actividades están abertas á participación da veciñanza de todo o concello, do mesmo xeito que dende calquera parroquia, ben a través do consello parroquial ou ben a través do movemento asociativo, pode solicitarse a organización de programas semellantes.