Tuesday 26 de November de 2024

Alternativa de Bergondo denuncia manobras de grupos de presión para forzar a vontade urbanística da alcaldesa


Juan Fariña afea a conduta da alcaldesa de Bergondo, quen mantivo unha reunión secreta con promotores da Longueira, coa presenza dun histórico socialista da comarca.

Juan Fariña, concelleiro de Infraestructuras, Urbanismo e Medio Ambiente, tivo coñecemento recentemente da celebración dunha reunión secreta que tivo lugar hai semanas en dependencias municipais. Dita reunión foi mantida pola alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez, representantes dos intereses vinculados co proxecto de urbanización da Longueira e o coñecido ex-eurodeputado e ex-alcalde de Betanzos, Antolín Sánchez Presedo.

A primeira consideración da que cabe deixar constancia é a seguinte; Alternativa dos Veciños e PSOE forman en Bergondo un goberno de coalición e, por outra parte, Juan Fariña é o concelleiro de URBANISMO de Bergondo. A xuntanza mantida pola alcaldesa con esoutras persoas tivo lugar de costas ao socio de goberno dos socialistas e de costas ao actual concelleiro de urbanismo de Bergondo. Sen informar a este nin antes nin despois (hoxe é 12 de xaneiro) acerca do contido das conversas, as conclusións, nin outros posibles aspectos que se trataran nesa reunión CLANDESTINA. Os feitos son graves e denotan unha profunda deslealdade da socia de goberno socialista con relación a Alternativa dos Veciños de Bergondo.

Non obstante, Alternativa dos Veciños e o seu voceiro, Juan Fariña, botando a un lado os reproches e centrándose no verdadeiramente importante e urxente nestes momentos para Bergondo, solicitan á alcaldesa de Bergondo o seguinte:

– Que teña a valentía suficiente como para resistir toda canta presión urbanística se presente ante ela, por moi avalada ou acompañada que esta veña por ex-dirixentes ou ex-figuras socialistas.
– Unha vez máis (e xa van 3) pedimos á alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez Márquez, que leve a aprobación inicial do PXOM de Bergondo a pleno, antes das eleccións de maio. Pódese e débese facer. E como xa lle dixemos en dúas ocasións anteriores, contará cos votos favorables de Alternativa dos Veciños para sacar adiante esa aprobación. Pedímoslle que teña valentía, coraxe e, sobre todo, antepoña os intereses de Bergondo e os bergondeses aos seus propios, os electorais da súa formación política.