Os datos supoñen un crecemento do 48% a respecto do 2021 e recuperar as cifras de antes da pandemia, incluso mellorándoas, como por exemplo na media de asistentes por espectáculo que foi de 207 persoas, cando no 2019 foi de 161. A concelleira Mercedes Rosón destacou o esforzo que se fixo desde o departamento adaptando a programación durante a pandemia e mantendo o contacto co público, o que conseguiu fidelizalo.
A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López, fixeron balance esta mañá, en rolda de prensa, das asistencias ás actividades organizadas por Compostela Cultura no ano 2022. Ambos declararon estar moi satisfeitos coas cifras, xa que Compostela Cultura recuperou os datos de asistencia ás actividades culturais de antes da pandemia e incluso mellorou algún deles. En total, preto de 90.000 persoas asistiron ás 429 actividades organizadas polo Auditorio de Galicia como organismo autónomo de cultura local no ano 2022, o que supón un crecemento do 48% a respecto do 2021.
Mercedes Rosón lembrou o esforzo que se fixo desde o departamento nos anos de pandemia, cando houbo que reducir capacidades das salas e incluso pechalas. “A nosa aposta foi sempre a de manter a programación na medida do posible: por un lado para apoiar o sector cultural e que seguise tendo ingresos e por outro, tamén para manter a conexión co público”, declarou a concelleira que engadiu que “nos momentos máis terribles, nos que non podiamos abrir, mantivemos esa relación co noso público a través dos envíos que faciamos a todas as persoas que están subscritas á Axenda C, con recursos variados para que puidesen seguir consumindo cultura desde as súas casas”.
Máis adiante, cando se comezaron a abrir os espazos pero o límite de asistentes era moi reducido, “puxemos en marcha a nosa canle de Youtube e restransmitimos espectáculos pola rede, cambiamos as posfuncións de teatro por prefuncións online… É dicir, fomos adaptándonos ao que ía sucedendo en cada momento e non deixamos nunca de manter esa conexión coa cidadanía e de ofrecerlle sempre opcións variadas”, apostillou Rosón, que se amosou convencida de que “ese traballo foi o que axudou a que cando puidemos volver a abrir os espazos e a completar cada vez máis os aforos, o público respondera como o fixo, conseguimos manter a súa fidelidade”.
429 propostas de música, escénicas, artes visuais, cine e didáctica
Pola súa banda, o director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López, fixo un repaso pola programación organizada por Compostela Cultura e os datos de asistentes. Como diciamos, no 2022 foro un total de 429 propostas ás que asistiron máis de 90.000 persoas. As 429 actividades sinaladas insírense dentro dos programas de actuación que o Auditorio de Galicia leva a cabo: Música, onde se inclúen as actividades de música popular e clásica; Artes Escénicas, actividades vencelladas co teatro, danza, circo; Artes Visuais, exposicións realizadas no Auditorio de Galicia e na Zona C; Didáctica, actividades dirixidas ás comunidades escolares; e Cinema, actividades dos festivais Curtocircuíto e Cineuropa. Son propostas que se desenvolven no propio Auditorio, así como no Teatro Principal e na Zona C (ou noutros espazos da cidade nos que Compostela Cultura programa de forma puntual).
O Auditorio de Galicia pechou o ano 22 coa constatación da recuperación da asistencia dos cidadáns ás actividades culturais da cidade, xa que se subiu nun 48% a respecto do ano 2021. Existiu unha mobilización de públicos que deixa os valores de asistencia na mesma liña que no ano 2019, superando incluso nalgunhas cifras as dese ano, como a media de asistentes por espectáculo. No 2022 foi de 207 persoas, sendo a dos anos 2019, de 161; a do 2020, de 112; e a de 2021, de 93.
Os programas de música e artes escénicas son os que encabezan a recuperación. A asistencia a actividades de artes escénicas aumentou un 29% sobre 2019, pechando o ano con case 18.000 entradas vendidas. Mentres que o programa de música pechou o ano con case 38.000 asistencias, un aumento sobre os datos do 2019 do 18%. O programa didáctico presenta datos similares, pero non son trasladables, xa que hai que ter en conta que só se desenvolveu na segunda metade do ano.
As actividades máis impactadas pola COVID foron as que teñen que ver co programa de cinema xa que a pandemia acelerou as tendencias ao descenso nas asistencias aos festivais, principalmente provocados por un cambio de hábitos de consumo do cinema ás plataformas dixitais. Aínda así, é de destacar que o festival Cineuropa tivo un aumento nas asistencias que case igualou á edición de 2019.