O consistorio financiará as actividades do club cunha achega de 30.000 euros
O alcalde do Concello de San Sadurniño, Secundino García, e o presidente do Club Voleibol Aldebarán, Uxío García, asinaron este mércores ao mediodía o convenio de colaboración que vincula a ambas entidades na promoción deste deporte no municipio. O importe do acordo ascende a 30.000 euros, que se destinarán aos gastos de funcionamento do club, a súa participación en competicións oficiais e o sostemento das escolas. Os fondos faranse efectivos despois da sinatura e o club terá até o 30 de novembro deste ano para xustificar os gastos efectuados dentro do convenio.
Tal e como recolle o texto, o Aldebarán “leva desenvolvendo dende a súa creación un labor de adestramento, integración e participación da mocidade, contando na actualidade coa participación de moitos rapaces e rapazas practicando este deporte en diferentes categorías deportivas, especialmente nas idades máis novas, o cal incide na proxección e na mellora da imaxe do municipio”.
O Concello pretende por medio do convenio “afianzar o desenvolvemento da actividade deportiva con proxección de futuro”, contando para iso coa “experiencia e capacidade organizativa” do club local en todas as actividades relacionadas coa “promoción e difusión por todo o territorio galego, e incluso estatal, deste deporte minoritario”.
Neste sentido, o Aldebarán conta cun equipo profesional xogando nos postos de cabeza da división de prata estatal, ademais de formacións masculinas e femininas que disputan nesta temporada outras competicións de base de ámbito galego. Ademais, o club ampliou recentemente o seu ámbito de actuación con grupos de adestramento en Ortigueira e en Ferrol.
O acordo subscrito este mércores encoméndalle ao Aldebarán a xestión das escolas municipais da disciplina durante 9 meses e, por outra banda, concédelle ao club acceso preferente -que non exclusivo- ás instalacións do pavillón municipal para adestrar e para os encontros que xoguen os seus equipos. Tamén lle ofrece a posibilidade de xestionar a publicidade estática ou móbil das instalacións, como xeito de colaborar co sostemento financieiro da entidade.
Alén de xestionar as escolas, o CV Aldebarán San Sadurniño comprométese a colaborar co consistorio na organización e realización de xornadas deportivas, a implicarse nas campañas de promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero e a mostrar a marca da imaxe visual do Concello en toda a cartelaría, folletos e publicidade en xeral editada con ocasión do desenvolvemento de actos deportivos. Igualmente, a escuadra de Superliga tamén deberá lucir na equipación o logotipo do proxecto de Xeoparque Cabo Ortegal.