Friday 22 de November de 2024

Un total de 260 persoas participarán este domingo na “II BTT Resistencia Cidade de Narón”


Un total de 260 persoas participarán este domingo na “II BTT Resistencia Cidade de Narón”, organizada polo Concello e o Club Ciclista Narón en colaboración coa Federación Galega de Ciclismo. O pasado mércores pecháronse as inscricións neste evento deportivo, puntuable para a Copa de Galicia de Resistencia, sendo unha das cinco puntuables que se sucederán este ano na comunidade autónoma, e que dará comezo ás 10.00 horas no circuíto da Pombiña, en Pedroso.

Os asistentes percorrerán un tramo de 7,2 quilómetros, ao que terán que dar o máximo número de voltas nas tres horas de duración da proba. Dende a organización aseguran que non se trata dunha proba sinxela debido ás condicións do terreo e ás choivas dos últimos días. As categorías establecidas son as de élite, élite feminino, junior, junior feminino, master 30, 40, 50 e 60, tamén masculino e feminino, parellas masculino e feminino, parellas mix, sub 23 e sub 23 feminino

Dende o Club Ciclista Narón destacaron a participación no evento de Manuel Parada, do CDM Xesteiras e dos locais do Club Ciclista Narón, Fernando Díaz e David Fernández, que defenderán os seus respectivos títulos nas súas categorías. Así mesmo, avanzaron a participación na categoría feminina de Rebeca Nieto, do club Vara e Pedal, dos ciclistas do CDM Xesteiras Iván Pereira e Daniel García e do gañador da primeira edición desta convocatoria, Xavier Meizoso, do Club Ciclista Narón.
Ao remate da proba os deportistas gañadores subirán ao pódium para recoller os trofeos e os maillots que os acreditan como líderes da Copa de Resistencia da Federación Galega de Ciclismo.

Dende o Concello recordouse que se habilitará un Plan Especial de Tráfico durante o desenvolvemento da proba, de 10.00 a 13.00 horas, que implicará restricións cara á Capela da O, o Castro da Hermida e o acceso á área recreativa de Bazón e Doso, que permanecerán cortados. Os residentes poderán acceder ás súas propiedades, tal e como se avanzou dende o Concello.