O Concello programou, a través do Servizo de Normalización Lingüística, seis actividades para o primeiro trimestre deste ano para os que está aberto o prazo de inscrición. Así o anunciou a concelleira responsable da área de Ensino e Bibliotecas, Mercedes Taibo, que indicou que todas as actividades se levarán a cabo ás 18.00 horas no Centro Cívico Social do Alto do Castiñeiro e poderán asistir un máximo de 25 menores acompañados dunha persoa adulta. Para anotarse hai que enviar un correo electrónico á dirección a.pita@naron.es especificando o nome da actividade, o do menor e da persoa que o acompañará, un enderezo electrónico e un teléfono de contacto. As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.
A primeira proposta terá lugar o vindeiro xoves, día 19, e consistirá nun espectáculo de narración oral, sobre manipulación de obxectos e música, para menores de 0 a 3 anos. “Corochas”, de Xarope Tulú, é o título da actividade, enmarcada como as outras cinco no proxecto Apego, de socialización de nenas e nenos en galego. A través do conto o público viaxará por varias paisaxes e coñecerá personaxes estrafalarias que terán que resolver múltiples enredos. A segunda proposta de xaneiro será o día 26, con “Que curioso!”, do Mago Noel. Neste caso é un espectáculo de maxia para menores de 3 a 6 anos, moi participativo, colorido e divertido no que se combinan disciplinas circenses e teatrais para amosar que os malabares, o humor, a música e a poesía crean un espazo de comunicación xenuíno entre o mago e o público.
No mes de febreiro organizouse a sesión de contos para bebés -0 a a 3 anos- “Trispilistriñas”, de Pavís Pavós. Os protagonistas serán Tareixa Alonso e Xacobe Rodríguez, integrantes de Pavís Pavós, que traerán a Narón unha maleta cargada de contos, cantos, arrolos e xogos recuperados da tradición oral. Ese mesmo mes, o día 23, programouse un obradoiro de chapas para conmemorar o Día de Rosalía, que se conmemora nesa mesma xornada. As nenas e nenos de 3 a 6 anos son os destinatarios desta iniciativa, na que realizarán diferentes chapas da autora xogando con versos e imaxes, tras coñecer parte da súa vida e obra.
Finalmente, en marzo, o día 9, terá lugar “Con papá”, de Cris de Caldas e Xabi do Camiño. O público asistirá a un espectáculo de narración oral, xogos de man, cantos, monicreques, humor e música, pensado para menores de 0 a 3 anos e no que se narra a historia dun bebé que pasa o día co seu pai, compartindo aventuras pequenas e grandes e que un día será moi especial. A última das propostas deste trimestre será “Historias de bicharracos”, o 23 de marzo, da compañía Bicharracos Teatro. É unha actividade para nenas e nenos de 3 a 6 anos na que o protagonista, Romito, aburrido da monotonía da súa vida, chega á casa ver a tele pero non atopa nada que lle guste e ao mirar ao seu redor verá un libro co que aprenderá todas as historias que conta.
A concelleira naronesa animou ás familias de Narón a inscribirse nestas propostas “que teñen sempre moi boa acollida e que están pensadas para os máis pequenos da casa, ofrecéndolles unha serie de espectáculos e actividades en función da súa idade de carácter lúdico e tamén formativo”.