No ano 2022, o Goberno de Inés Rey aprobou a concesión de licenza para recuperar estruturas sen uso no parque de Vioño, a rolda de Monte Alto, Santa Margarida e a rolda de Nelle
O concelleiro de Urbanismo, Francisco Díaz Gallego, avanzou que o esqueleto situado na avenida de Fisterra xa pode rematarse, coas modificacións necesarias para adaptarse á actual normativa
O Concello aprobou definitivamente este xoves, no Pleno ordinario, o estudo de detalle para a ordenación do esqueleto do soar existente no número 50 da rúa Emilio González López, no barrio dos Rosales, un trámite necesario antes da concesión da licenza que permitirá rematar a edificación, a derradeira deste tipo existente no distrito e cuxa construción quedou paralizada hai máis dunha década.
Tal e como apuntou o concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, Francisco Díaz Gallego, o estudo de detalle foi presentado pola promotora o 30 de maio do ano pasado, recibindo a autorización inicial da Xunta de Goberno Local pouco despois, o día 8 de xuño. “Contou cos informes sectoriais favorables e tivo unicamente unha alegación dun particular que foi debidamente respondida”, subliñou Díaz Gallego.
Coa aprobación plenaria do estudo de detalle, que implica a redefinición do volume edificable no soar en cuestión, adaptando a infraestrutura ao Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) vixente, o Concello dá resposta a unha demanda veciñal do barrio dos Rosales desde hai unha década, “o que contribuirá a resolver problemas de salubridade, seguridade e mesmo de carácter estético, nun barrio que xa finalizou hai tempo o seu proceso de urbanización e construción de vivenda”, detallou o concelleiro.
O seguinte paso para concretar a rehabilitación do inmoble será a solicitude de licenza por parte dos promotores.
O concelleiro de Urbanismo destacou, ademais, “o compromiso firme do Goberno de Inés Rey coa finalización, legalización ou demolición, de ser o caso, de todos os edificios que quedaron sen rematar na cidade, fundamentalmente a causa da crise inmobiliaria”. Durante o ano pasado, o Concello aprobou a concesión de licenza para rehabilitar os esqueletos de formigón situados no parque de Vioño; a rolda de Monte Alto; a rúa Cancela de Fóra, preto do parque de Santa Margarida; e o da rolda de Nelle. Ademais, tamén se prevé acometer a demolición do esqueleto situado nas Xubias de Arriba, dando solución a unha demanda da veciñanza do barrio.
Avances cara á regularización do esqueleto na avenida de Fisterra
O concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade tamén notificou que o esqueleto situado na avenida de Fisterra “xa pode legalizarse, coas modificacións necesarias”, para adaptarse á actual normativa.
Ademais, Francisco Díaz Gallego detallou a situación administrativa actual do esqueleto situado na praza de Padre Rubinos, no barrio dos Mallos, e o localizado na Sagrada Familia, o derradeiro situado no distrito. “Agardamos que ambas estruturas conten con licenzas nos vindeiros meses”, concretou.