O Concello de Carballo asumiu no ano 2022 a reforma da área de psicomotricidade
A Unidade de Desenvolvemento Infantil e Apoio Familiar (UDIAF) de Bergantiños comeza o ano cun equipo reforzado grazas á recente incorporación de dúas novas profesionais, que, xunto coas existentes anteriormente, conforman un grupo de traballo interdisciplinario de cinco profesionais, todas a tempo completo. O presidente da Asociación Galega de Atención Temperá (AGAT), Jaime Ponte, e a coordinadora do servizo, Yaiza Antelo, trasladaron a boa nova ao alcalde, Evencio Ferrero, e á concelleira de Igualdade, Benestar e Sanidade, Maica Ures, nunha xuntanza celebrada hoxe na casa do concello.
O novo convenio entre AGAT e a Consellería de Política Social da Xunta de Galicia supón un incremento dos recursos que, segundo indicaron Jaime Ponte e Yaiza Antelo, permitirá reducir ou mesmo rematar coa listaxe de agarda. No ano 2022, no que as actuacións asistenciais estiveron condicionadas polos protocolos COVID ata o mes de abril, xa foi posible recuperar os niveis asistencias pre-pandemia e reducir a listaxe de agarda inicial de 53 a 36 casos ao remate do ano.
Neste 2023, ademais do reforzo de persoal, tamén melloran os recursos materiais da UDIAF, que dispón dunha área de psicomotricidade totalmente renovada grazas ao investimento realizado polo Concello de Carballo.
Nos vindeiros días, dende a UDIAF remitirase a memoria anual aos sete concellos da comarca de Bergantiños. Os datos son moi semellantes aos do ano anterior. Ao longo do 2022 foron atendidos 107 nenos e nenas (no 2021 foran 113), que representan o 5,3% da poboación de 0 a 6 anos (no ano 2021 a porcentaxe era do 3,6%, un claro indicativo do alarmante descenso da poboación na comarca). A idade media de acceso ao servizo aumentou lixeiramente, ata os 3,05 anos (no 2021 a media foi de 3 anos, e no 2020, de 2,9 anos).
Das 107 familias atendidas, o 62% son residentes no noso concello, pero ao servizo, que vén de cumprir oito anos, acoden nenos e nenas dos sete municipios bergantiñáns. En total realizáronse 1.943 prestacións de apoio personalizado e 477 actuacións de coordinación con outros profesionais e recursos con motivo dos programas personalizados. En canto ao traballo comunitario, a UDIAF realizou accións de coordinación con 58 entidades sanitarias, sociais ou educativas da comarca.
Polo que se refire á tipoloxía dos problemas atendidos, os principais corresponden ao retraso evolutivo (35%), sitúanse no ámbito afectivo-emocional (26%) ou afectan á linguaxe e a fala (20%), pero na UDIAF tamén se atenderon problemas de hábitos, de conduta, de atención, motrices, sensoriais, sindrómicos e cognitivos. A valoración das familias segue sendo moi boa, e no 2022 outorgaron á unidade de Carballo unha puntuación de 4,71 sobre un máximo de 5.
A UDIAF de Bergantiños forma parte, xunto coas do Salnés e do Deza, dun proxecto dirixido pola Asociación Galega de Atención Temperá e subvencionado pola Consellería de Política Social para nenos e nenas de 0 a 6 anos. A súa sede está na avenida do Ambulatorio, nun local cedido polo Concello de Carballo no antigo ambulatorio. O servizo é público e gratuíto. O contacto pode realizarse a través do correo electrónico bergantinos@atenciontemprana.com ou ben chamando ao teléfono 881 946 410.