Saturday 16 de November de 2024

Alternativa de Bergondo reclama á Xunta que tome medidas contra a praga de xabaríns


Alternativa levará ao vindeiro pleno deste mes de xaneiro unha iniciativa para pedir o consenso dos outros grupos para demandar solucións á Xunta

Sabido é que existe un crecemento sostido e case exponencial do número de xabaríns en toda Galicia. As consecuencias dese crecemento desmedido estanse manifestando en múltiples aspectos, amén de xerar un senfin de danos (tanto en ámbitos públicos coma privados) e riscos para a integridade das persoas e o tráfico rodado. Conscientes desta problemática crecente dende Alternativa dos veciños de Bergondo queremos elevar a voz perante a administración competente na materia, que non é outra que a Xunta de Galicia. Froito da nosa preocupación ao respecto (compartida por unha porcentaxe moi elevada da poboación) vimos de rexistrar unha moción para ser debatida no pleno deste mes de xaneiro. No texto da mesma aportamos algún dato ben revelador de cal é a situación a día de hoxe; segundo a memoria anual de Protección Civil de Bergondo os accidentes de tráfico provocados en Bergondo pola irrupción de xabaríns nas estradas e camiños aumentou nun 105% tan só no último ano.
É hora de que a Xunta de Galicia tome cartas no asunto de forma contundente e decidida. Os acordos que propoñemos sexan trasladados ao goberno galego son os seguintes:
Primeiro: Trasladar á Xunta de Galicia a notable preocupación da veciñanza de Bergondo e do pleno da corporación municipal bergondesa polo cariz que está adquirindo o problema derivado da proliferación descontrolada de xabaríns no noso termo municipal e no conxunto de Galicia.
Segundo: Instar á Xunta de Galicia á adopción de medidas de choque contundentes e profesionais, avaladas por expertos e conforme a estudos científicos serios e rigorosos, conducentes a reducir a poboación de xabaríns no territorio bergondés e no conxunto de Galicia. Isto sen menoscabo da adopción, por parte do ente autonómico, doutras políticas diferentes ás actuais. Políticas agrarias, forestais ou de ordenación do territorio. Cuestións estas que están na raíz deste e doutros problemas análogos.