Friday 22 de November de 2024

Haberá récord de participantes no polideportivo da Fieiteira


Novecentos deportistas participarán esta fin de semana na 15ª edición do Campionato de Taekwondo Cidade de Riveira

Cifra récord. Un total de 900 deportistas chegados de toda España e de Portugal participarán esta fin de semana no polideportivo da Fieiteira na 15ª edición do Campionato Internacional de Taekwondo Cidade de Riveira: unha cita plenamente consolidada no calendario deportivo do municipio que está organizada polo Natural Sport coa colaboración do Concello.

O adestrador Pablo Carou e o taekwondista Álex Vidal no nome do club, xunto coa concelleira de Deportes Aroa Fernández, foron os encargados de explicar os pormenores deste evento, que se desenvolverá ao longo do sábado 17 e o domingo 18 de outubro.

Novidades
Carou declarou que a edición traerá novidades como vén sendo habitual cada ano. Neste senso, se en 2014 se introduciu o sistema de cascos electrónicos, nesta ocasión se fará uso ademais dos innovadores tapices octogonais. A intención é que xa dende as categorías inferiores os practicantes deste deporte se habitúen ao emprego de elementos tecnolóxicos que normalmente só está reservado aos combatentes adultos.

O adestrador do Natural tamén informou de que entre deportistas, árbitros, técnicos e voluntarios se rondará a cifra do milleiro de persoas presentes no campionato, excluíndo o público.

Ao longo do sábado terá lugar a comparecencia das categorías infantil, junior, cadete, senior e máster, mentres que a xornada de domingo albergará demostracións técnicas de combate, freestyle, poomsaes (outra novidade) e exhibición.

Aroa Fernández animou a toda á cidadanía de Riveira e da comarca a que se achegue a disfrutar de ambas xornadas, que terán lugar de 9 a 14 e de 15.30 a 20 horas.