Saturday 23 de November de 2024

A Xunta insiste na importancia da independencia económica da muller coma requisito indispensable para acadar a igualdade


A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, xunto ao delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, participou esta mañá no acto de inauguración da III Feira do Emprego de Galicia EMPREGALIA

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella destacou hoxe que a independencia económica das mulleres e o seu empoderamento é un requisito indispensable para alcanzar a igualdade e un camiño para garantir o desenvolvemento económico.
López Abella, acompañada do delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves participou esta mañá no acto de inauguración da Feira de Emprego de Galicia (EMPREGALIA), que tivo lugar na Estación Marítima de Vigo, e que contou ca presenza da directora do Instituto da Muller do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Rosa Urbón.
A titular de Igualdade destacou que a mellora das expectativas económicas e de emprego das mulleres ten que ser compatible coa vida privada e familiar. E para poder conciliar a vida laboral coa persoal e familiar é imprescindible impulsar medidas que permitan tanto a mulleres como a homes equilibrar a balanza das responsabilidades nas esferas pública e privada da forma en que mellor se adapte as súas necesidades.
Polo que puntualizou ó respecto que, ademais da formación, tamén é necesario traballar no entorno das empresas e na visibilización das mulleres en postos de responsabilidade para estimular o liderado feminino. Neste sentido, a secretaria xeral de Igualdade afirmou que as mulleres son un piar fundamental na economía e na sociedade.

A secretaria xeral quixo destacar que EMPREGALIA é unha iniciativa útil e necesaria para axudar na mellora da empregabilidade da cidade de Vigo. Recordou tamén que o Goberno galego está decidido a promover todas as accións necesarias para fomentar o emprego e tamén para apoiar o emprendimiento feminino. Así a Secretaría Xeral da Igualdade dende o ano 2009 a través do Programa EMEGA investiu 4,1 millóns en promoción da igualdade no eido laboral e apoio directo ao fomento do emprendemento feminino, e ten permitido crear preto de 500 postos de traballo femininos.

Pola súa banda, o delegado territorial da Xunta en Vigo, resaltou na súa intervención o “esforzo e traballo” que a Asociación de Mulleres en Igualdade leva a cabo para organizar a feira. López-Chaves felicitou ao colectivo e loubou a importancia deste evento porque “facilita encontros e pon en contacto ás empresas coa xente que busca emprego” desexando ademáis que continúe nos vindeiros anos.

A Feira do Emprego de Galicia EMPREGALIA naceu en abril de 2013 como unha iniciativa para por en contacto as empresas que precisan traballadores e as persoas que buscan traballo. O evento está organizado pola Asociación de Mulleres en Igualdade, conta coa participación da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra, o Consorcio da Zona Franca de Vigo, o Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade e o Porto de Vigo.