Friday 22 de November de 2024

A exposición “Mulleres da Galicia máxica” trasládase a Bardaos até o día 22 de xaneiro


De par da mostra fotográfica, o local social da parroquia tamén acollerá un obradoiro de musicoterapia o sábado 21 pola tarde

 

A exposición fotográfica “Mulleres da Galicia máxica” promovida polas áreas de Cultura e de Igualdade retoma a súa andaina polos locais sociais de San Sadurniño trasladándose desde Naraío até Bardaos, onde permanecerá até o domingo 22 de xaneiro. A mostra, protagonizada por cerca de 120 mulleres de todo o territorio, poderá visitarse cadrando coas actividades que se desenvolvan no local veciñal da Bañoca, onde ademais, o sábado 21 de 16:00 a 19:00h, vai ter lugar un obradoiro de musicoterapia gratuíto para o que xa está aberto o prazo de inscrición a través do 616 332 919 ou do correo agustin.perez@sansadurnino.gal.

Segundo informan desde o departamento de Cultura, a actividade “pretende ofrecer unha breve aproximación á musicoterapia mediante un diálogo reflexivo e participativo entre as persoas asistentes que permita adquirir unhas nocións básicas ao respecto, con idependencia dos coñecementos musicais que se posúan”. Cultura engade que a música “é un medio de expresión non verbal que facilita a comunicación de sentimentos e emocións” e que mesmo pode reportar “beneficios para a saúde”.

O obradoiro está concibido como unha sesión introdutoria á musicoterapia na que se disporá de distintos instrumentos e outros materiais relacionados coa materia, co obxectivo de que as persoas participantes vexan, mediante a práctica, de que maneira a xeración de sons e harmonías poden influír no estado de ánimo, na liberación de endorfinas -as hormonas do benestar- e, neste caso, na creación dun espazo para pasalo ben compartindo o momento.

O minicurso programado para o penúltimo día da exposición “Mulleres da Galicia máxica” vai dirixido a maiores de 18 anos e oferta 30 prazas que se cubrirán por orde de solicitude chamando ou enviando un whatsapp ao 616 332 919 ou mandando un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal.

Esta sesión, para a que non se require saber nada de música (nin tampouco levar instrumentos, aínda que tamén se pode), encádrase na idea de Cultura e Igualdade de asociar á mostra fotográfica un obradoiro distinto en cada un dos lugares nos que está facendo parada. En Bardaos permanecerá até o domingo 22 de xaneiro e pode visitarse coincidindo coas actividades que se desenvolven no local social.