— Ángeles Vázquez subliña que se trata dunha norma concibida para todos os galegos e co triplo fin de protexer o modo de vida costeiro, o medio ambiente e a economía
— A xuntanza enmárcase na rolda de contactos que manterá a Consellería con sectores e axentes implicados na xestión da costa co fin de recompilar as súas achegas e suxestións sobre o anteproxecto, en fase de información pública ata o 20 de xaneiro
A Xunta convocou esta mañá en Santiago a unha decena de profesores, catedráticos e asesores xurídicos das tres Universidades para presentarlles o anteproxecto da Lei de ordenación do litoral de Galicia (Lolga) e aproveitar o seu coñecemento e experiencia na materia para enriquecer o contido da futura norma, a primeira que se impulsa na Comunidade neste eido.
A presentación do encontro informativo correu a cargo da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que estivo acompañada polo director do Observatorio do litoral de Galicia, Javier Sanz Larruga, e a catedrática da Universidade da Coruña e membro tamén do Observatorio, Marta García.
Tras lembrar que o texto foi aprobado polo Consello da Xunta a mediados de decembro e estará en información pública ata o 20 de xaneiro, a responsable autonómica subliñou a importancia que terá para a Comunidade unha norma como a Lolga, concibida “para todos os galegos e galegas” e que a Xunta impulsou co triplo obxectivo de protexer a costa e o seu modo de vida, o medio ambiente e a economía ligada ao mar.
Para lograr este fin, explicou que a norma aposta pola creación dunha serie de novos instrumentos de ordenación, entre os que se referiu aos Plans territoriais de ordenación costeira e mariña que xunto cos plans especiais de ría e das praias se adaptarán nas súas determinacións ás circunstancias e características de cada zona da franxa litoral.
Ademais, tamén citou a futura Estratexia de economía azul de apoio ao crecemento sustentable dos sectores produtivos vinculados ao mar como motores da economía e na que, segundo indicou, xa están traballando varios departamentos da Xunta.
Neste sentido, Ángeles Vázquez considerou “clave” que a futura normativa sexa coñecida e analizada por todos os sectores con implicacións ou intereses na costa galega para que poida cumprir co seu obxectivo principal e ofreza a “seguridade xurídica” que a Comunidade vén demandando desde hai anos en relación á xestión da franxa litoral, tanto desde o punto de vista económico como tamén da recuperación do patrimonio construído na costa galega, facilitando que poidan ter “un segundo uso”.
De feito, emprazou aos asistentes, entre os que estaban algúns dos catedráticos e expertos cun maior coñecemento do medio litoral desde un punto de vista xurídico e social, a participar no proceso de información pública e presentar as achegas que estimen oportunas para contribuír a que o texto definitivo que se remitirá de novo ao Consello da Xunta sexa o máis completo posible.
Ademais, agradeceu en particular o traballo realizado nos últimos meses desde o Observatorio do litoral de Galicia, que tal e como recordou, brindou o seu apoio á Xunta na elaboración da futura lei e cuxo traballo fixo posible o actual texto articulado.
Cómpre subliñar que a xuntanza celebrada hoxe en Santiago se enmarca na rolda de contactos que ten previsto manter nos próximos días a Consellería con algúns dos principais sectores, administracións e axentes implicados na xestión da costa co fin de recompilar as súas achegas e suxestións ao anteproxecto.