Os traballos, que permitirán ampliar os espazos de preferencia peonil na contorna da Gaiteira e Catro Camiños, céntranse desde este martes no tramo de Ramón y Cajal que cruza coa rúa Río Monelos
O tráfico rodado, así como o acceso e saída aos garaxes na contorna, seguirá estando habilitado no contexto desta nova intervención
O Concello comezou hoxe a última fase dos traballos de reurbanización previstos en Alcalde Marchesi, centrada no tramo que conecta coas rúas Ramón y Cajal e Posse e que completará nas vindeiras semanas o proxecto de humanización ideado polo Goberno de Inés Rey para incrementar os espazos de preferencia peonil na contorna da Gaiteira e Catro Camiños.
Esta quenda de obras en Alcalde Marchesi dá continuidade á primera fase xa rematada nesta rúa e na rúa Primavera o pasado mes de novembro, no contexto do plan de ampliación da rolda peonil que atravesará a cidade de leste a oeste.
Os traballos da segunda fase comezaron a executarse na rúa Río Monelos, xa con plataforma única, onde continúa a intervención prevista polo servizo de Infraestruturas para conformar unha zona de circulación mixta e espazos de uso peonil, onde haberá, tamén, áreas verdes, novo mobiliario urbano, e onde se instalará proximamente unha lámina de auga que recreará o lugar polo que circulaba o río Monelos, canalizado actualmente baixo esta rúa.
A intervención entre as rúas Ramón y Cajal e Posse
O proxecto prevé a ampliación das zonas de uso peonil exclusivo e xerarase un espazo de pacificación, de uso mixto, con prioridade para os peóns. A rúa Alcalde Marchesi terá un carril de calzada, cunha zona de carga e descarga na marxe dereita e beirarrúas axardinadas a ambos os lados, con novo mobiliario público como bancos de formigón. No acceso desde Ramón y Cajal elevarase a calzada para evitar o exceso de velocidade dos vehículos na entrada deste tramo.
O tráfico rodado neste tramo continuará habilitado no contexto dos traballos
Neste sentido, os traballos neste tramo de Alcalde Marchesi levaranse a cabo por fases co fin de manter de maneira permanente o tráfico rodado e o acceso aos garaxes. Desde este martes, as obras céntranse na beirarrúa dereita entre Ramón y Cajal e Río Monelos, na marxe lindeira ao centro comercial. Ao remate desta primeira intervención, os operarios pasarán a traballar no sector esquerdo deste mesmo tramo deixando sempre libre una beirarrúa para a circulación do cidadá.
A circulación de vehículos pasa a ser, desde agora, de sentido único, con acceso desde Ramón y Cajal cara a rúa Posse, unha decisión xustificada polo estudo realizado polo servizo municipal de Mobilidade tras avaliar as flutuacións do tráfico rodado, en sentido de acceso e saída, na contorna.
No contexto desta nova fase de traballos en Alcalde Marchesi, entre Ramón y Cajal e a rúa Posse, manterase tamén de xeito permanente o paso peonil, neste caso mediante pasarelas ou outros medios, permitindo o acceso aos portais e establecementos comerciais dos edificios durante a duración das obras.