O Pazo da Cultura retomará este sábado, día 14, a programación cultural deseñada para os primeiros meses do ano. A alcaldesa e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, presentou as propostas xunto coa edil de Cultura, Olga Ameneiro. A rexedora local avanzou que dende xaneiro ata maio desenvolverase 16 espectáculos teatrais, musicais e de danza que se completarán en marzo co Festival Internacional do Monólogo Teatral Singular. Este sábado poderase ver ás 20.00 horas a obra de teatro contemporáneo Patriotas, da compañía Unahoramenos Producciones. A presidenta dun partido ultra-nacional, homófobo e ascendente ten que defenestrar políticamente a unha amiga para branquear á súa formación e aspirar ao poder.
Este domingo regresará a programación deseñada para público familiar e infantil, coa peza de teatro musical “Colombia, Mi encanto”, de CTME, que se poderá ver ás 18.00 horas. Trátase do primeiro tributo orixinal a Colombia e á película Encanto, cun elenco de dez artistas con voces en directo e un apaixoante espectáculo con efectos especiais. A programación de xaneiro continuará os días 20 e 21 -20.30 e 20.00 horas respectivamente-, coa estrea da obra “Vox populi (nec mea vox), de Malasombra Producións, unha ópera rock con música e letras orixinais interpretada por unha ducia de actrices, actores e músicos. O día 28 será o turno do espectáculo de danza contemporánea “Loop”, de Aracaladanza -20.00 horas-, unha carta de amor á maquinaria escénica creada pola citada compañía e que converte a danza nunha función máxica.
No mes de febreiro subirase ao escenario do Pazo a cantautora galega Sés, o día 3 ás 20.30 horas, para presentar xunto coa súa banda o seu oitavo disco “Diante dun eco”, unha volta aos inicios dende a madurez. O sábado 4 será o turno da compañía Xacarandaina, coa proposta “Endaterra”, de música e baile tradicional, que fusiona baile, música tradicional galega e teatro, a partir das 20.00 horas. Esa mesma fin de semana, o día 5 poderase ver -19.30 horas- “El musical de los 80s y 90s”, de Tertulia Producción. A programación de febreiro continuará os días 11 de febreiro -20.00-, coa peza de teatro clásico “Edipo, a través de las llamas”, de Pentación, e protagonizado polo mítico Edipo, que se ennfrontará a un monstro e pechará os días 24 e 25 -20.30 e 20.00 horas- coa obra de teatro contemporáneo “Adictos”, tamén de Pentación, que aborda a problemática do sometemento ás novas tecnoloxías e que traerá de novo a Narón á actriz Lola Herrera.
No mes de abril a programación comezará con “El Barbero de Sevilla” -20.00-, de Concerlírica, unha peza de ópera bufa con música de Gioachino Rossini e baseada na comedia homónima de Pierre Agustín de Beaumarchais. O día 15 poderase ver -20.00- o espectáculo de danza “DeMente”, de Fran Sierra Compañía de Danza, na que se amosará en escena os tratamento de persoas que padecen trastornos mentais; o día 22 a comedia “As que limpan” -20.00-, de A Panadaría, unha sátira utópica inspirada na loita organizada das camareiras de piso dos hoteis para acadar uns dereitos laborais xustos, e finalmente o 23 de abril representarase o musical “Disney Rock El Musical”, de Gadium Artes Escénicas -17.00 horas-, con personaxes dos contos favoritos de Disney.
Unha proposta de teatro-circo, “Sopla! abrirá o 6 de maio -20.00- a programación, cunha proposta na que se conxugan varias técnicas de circo, a música en directo e o humor. O venres 12 regresarán ao Pazo Xosé Antonio Touriñán e Carlos Blanco, coa comedia “Somos Criminais 3” -20.30 horas-, na que analizarán Galicia e os seus habitantes e o 27 de maio regresará o teatro contemporáneo da man de Sarabela Teatro, coa peza “Contos arraianos” -20.00 horas-, unha das obras fundamentais da literatura galega.
As entradas para estes espectáculos poden adquirirse no despacho de billetes do Pazo ou na web do Padroado da Cultura: www.padroadodecultura.es.