O concelleiro de Sanidade, Santiago Galego, anunciou que o vindeiro venres, día 13, terá lugar unha charla sobre servizos sociosanitarios de proximidade para o daño cerebral adquirido. A convocatoria xorde en base a unha colaboración do Concello coa Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE), co fin de sensibilizar á poboación e dar a coñecer a realidade das persoas con daño cerebral, ao tempo que axudar a previr esta discapacidade, que afecta a máis de 35.000 persoas en Galicia. A convocatoria, que é aberta á cidadanía en xeral, terá lugar ás 17.30 horas no Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros (rúa María Casares, s/n) da cidade.
No transcurso da sesión presentaranse os servizos sociosanitarios de proximidade para a atención ao colectivo do dano cerebral adquirido que a Federación impulsa a través do proxecto Rumbo. O ‘Proxecto Rumbo: cara un modelo de autonomía persoal conectada e inclusiva’ é unha iniciativa colaborativa desenvolvida entre distintas confederacións do Terceiro Sector da discapacidade (COCEMFE, ASPACE, PREDIF, FEDACE e AUTISMO ESPAÑA). O obxectivo é impulsar o deseño de modelos innovadores de apoio á autonomía persoal e a vida independente das persoas con discapacidade, especialmente aquelas con maiores necesidades de apoios, mediante a combinación de servizos e recursos que poidan facilitar unha forma de vida inclusiva na sociedade en condicións de seguridade, accesibilidade e benestar.
Este proxecto conta coa participación de 22 entidades destas confederacións repartidas en cinco comunidades autónomas.
Así mesmo, ofreceranse nocións sobre identificación, prevención e abordaxe do dano cerebral adquirido.
O Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 financian esta convocatoria e o proxecto Rumbo con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno central, ligado á súa vez aos fondos Next Generation EU da Unión Europea.