Saturday 16 de November de 2024

Fernando Lueiro gaña o VIII Concurso de Fotografía “Paisaxes de Boqueixón” cunha imaxe aérea das Illas de Gres


O certame bateu todos os récords de participacións, con 99 imaxes presentadas a concurso

“As cores de Neira Vilas”, unha fermosa vista de paxaro das Illas de Gres de Fernando Lueiro Balado, foi a imaxe gañadora da oitava edición do Concurso de Fotografía “Paisaxes de Boqueixón”. Un certame que ten como obxectivo fomentar a creatividade e a promoción e posta en valor da riqueza histórica, cultural, etnográfica e paisaxística do municipio.

O xurado do certame, composto por Lorena González Vázquez (Lorena no Merlo Fotografía), Dolores Fernández Iglesias (fotoxornalista de Lindeiros.gal), Carlos Suárez González (xornalista de Nós Comunicación) e Rosario Iglesias Iglesias (técnica municipal de Cultura, con voz e sen voto), elixiron as 3 imaxes gañadoras do certame de acordo a criterios de calidade técnica, composición, impacto visual, mensaxe transmitida, creatividade e dificultade.

A proposta de Fernando Lueiro foi escollida entre as 99 fotografías presentadas a concurso este ano, o que supón un récord absoluto no certame, cuxo listón estaba nas 86 da sexta edición. De feito, a tres imaxes presentadas por Fernando foron elixidas entre as 12 integrantes do calendario 2023 do Concello de Boqueixón (ao obter os postos 5º e 8º).

O Pico Sacro foi o protagonista das outras dúas fotografías premiadas. Así, Belén Iglesias Carajaville conseguiu o segundo premio cun espectacular “Amencer no Pico Sacro”; mentres que Elisabet López Carvalhais logrou o terceiro posto cunha “Noite no Pico”.

O alcalde de Boqueixón, acompañado polos concelleiros de Turismo, José Manuel Canabal Vázquez; e de Economía, José Manuel Iglesias Gómez, fixo entrega dos premios: vales de compra que poderán canxear en calquera establecemento do municipio por un importe de 200, 100 e 50 euros, respectivamente.