O DOG publicou hoxe as zonas de aplicación do plan de contención da Tecia solanivora Povolny
O Diario Oficial de Galicia deste luns 9 de xaneiro publica a resolución da Xunta de Galicia pola que se declara toda a parroquia modestina de San Xurxo como zona infestada de Tecia solanivora Povolny, coñecida comunmente como couza guatemalteca da pataca. A declaración significa que quedan prohibidas plantacións de patacas exclusivamente nesa parroquia durante 2023 e 2024 e, ademais, tamén se deberán destruír as colleitas almacenadas do ano pasado, de cuxa existencia haberá que informar a Medio Rural no prazo dos próximos 20 días hábiles (antes do 6 de febreiro). Unha vez comunicados os lugares de almacenamento, a Xunta encargarase da retirada dos tubérculos, mentres que a veciñanza afectada pola resolución terá que ocuparse da desinfección dos locais onde estivesen gardados. No resto das parroquias de Moeche, consideradas “zona tampón”, a venda de pataca para semente, o cultivo e o almacenamtento pode seguir facéndose, aínda que comunicándollo á Xunta de Galicia, tal e como veu ocorrendo nos últimos anos.
Desde que hai seis anos se puxese en marcha o plan de erradicación da couza guatemalteca en Galicia, Moeche foi librando das restricións máis severas ata que, recentemente, os servizos de sanidade vexetal de Medio Rural detectaron presenza das avelaíñas nas trampas colocadas en San Xurxo, pero non así nas situadas noutros puntos do territorio. A aparición de exemplares, segundo o protocolo de combate contra a praga, esixe como primeiro paso a eliminación controlada de todas as patacas. E é que, a falta dun insecticida eficaz, a única medida de contención e erradicación que parece funcionar é prohibir o cultivo e o almacenamento, posto que as tecias só poden reproducirse na planta e só se alimentan de pataca.
Por esta razón, trala declaración oficial de San Xurxo como “zona infestada”, toda a veciñanza da parroquia terá prohibido cultivar durante os próximos dous anos -2023 e 2024- e mesmo estará obrigada a eliminar os tubérculos ventureiros que poidan xermolar de plantacións do ano pasado. O protocolo tamén require que se destrúan todas as patacas para autoconsumo almacenadas neste momento (as compradas non hai que destruílas). Porén, dese cometido encargarase a Xunta de Galicia mediante unha retirada domiciliaria controlada e, nese sentido, é obrigatorio comunicarlle a Medio Rural o enderezo onde se encontren, indicando o número de quilos aproximados e tamén de sacos, sexan para consumo ou para a semente.
A declaración de pataca almacenada pode facerse a través da Sede Electrónica da Xunta seguindo este procedemento. Tamén se pode cubrir en liña o formulario, imprimilo e rexistralo en papel na Oficina Agraria Comarcal de Ferrol ou no Rexistro do Concello. De feito, para quen teña dúbidas sobre como facelo tamén se pode acudir directamente ás oficinas municipais, onde o persoal do Rexistro axudará a cubrir e tramitar o formulario.
É importante que as persoas que opten por facer o papeleo no Concello traian canda si a copia da comunicación efectuada o ano pasado para poder plantar (cando San Xurxo era zona tampón), de cara a axilizar o traballo do persoal municipal. O prazo para a declaración é de 20 días hábiles contados desde este martes 10 de xaneiro (incluído), o que significa que o último día para presentar o formulario é o luns 6 de febreiro.
Unha vez que a Xunta pase recoller as patacas -a Administración autonómica indicará as datas concretas- deberase desinfectar o chan, as paredes e o teito dos espazos onde estivesen gardadas.
Aínda que por agora non hai nada publicado no Diario Oficial de Galicia, cabe agardar que en breve se convoquen as axudas compensatorias pola destrución.
O resto de parroquias seguen sendo “zona tampón”
O que si está publicado no diario oficial é que Santa Cruz, Labacengos, Abade e San Xoán continuarán tendo a consideración de “zonas tampón”, de maneira que nelas si se poderá continuar plantando pataca con obriga de declarala inmediatamente despois da sementeira e, en todo caso, antes do 1 de abril.
Na comunicación hai que indicar os datos persoais e, sobre todo, a localización exacta das plantacións cos datos SIXPAC do polígono, parcela, recinto, superficie total, superficie sementada e a variedade que se poña no terreo.
O formulario que se deberá cubrir pode descargarse desde esta ligazón e despois haberá que presentalo, preferentemente, a través da Sede Electrónica da Xunta. Tamén se pode imprimir e rexistrar presencialmente no Concello para mandarllo directamente a Medio Rural. No mostrador das oficinas municipais haberá formularios en papel para cubrir á man e, de haber algunha persoa que o precise, tamén se lle axudará co trámite.
A obriga de comunicación tamén deberán cumprila as empresas do municipio que vendan pataca de semente (acceso ao formulario) ademais de levar un rexistro de información das persoas que a merquen. No local destinado a almacén terán que instalar trampas de feromona específica para a captura da Tecia solanivora povolny.
Desde o Goberno local prégaselle á veciñanza tanto de San Xurxo como das restantes parroquias “a máxima dilixencia na aplicación da normativa sanitaria e nos requisitos de comunicación esixidos pola Xunta”, pediu esta mañá a alcaldesa, Beatriz Bascoy. Segundo a rexedora, “fai falla que nos concienciemos coa posta en práctica as medidas do plan de contención, aínda que non nos guste e aínda que supoña un pau moi duro para as economías domésticas en tempos de crise, porque diso depende que se consiga erradicar a praga e que máis cedo que tarde todo Moeche poida volver sementar patacas con normalidade”.
A alcaldesa confía en que a veciñanza de San Xurxo, a máis afectada polas restricións, “responderá á prohibición coa máxima responsabilidade, declarando dentro de prazo as patacas de autoconsumo que teñan na casa e non facendo novas plantacións nin este ano nin o que vén”. Ademais, Bascoy tamén recorda que non atender as prohibicións de plantar en zona de corentena ou non facer as declaracións pertinentes en zonas tampón “poden supor sancións económicas importantes por parte da Xunta”.
Só cinco zonas infestadas en Galicia
A través da resolución da Dirección xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias publicada hoxe tamén se informa de que neste momento só hai cinco zonas en toda Galicia con prohibición de plantar. Ademais de San Xurxo, en Moeche, son as parroquias de Chamín e Sorrizo en Arteixo, A Pedra en Cariño, Santa María de Trabada en Trabada (Lugo) e todo o ámbito municipal de Burela.
Como zonas tampón preto de nós continúan todo San Sadurniño, Cerdido, a parroquia de Santiago Seré das Somozas, Cedeira, Narón e Valdoviño. Tamén poden seguir plantando con control oficial as parroquias cariñesas de Cariño, Feás, Landoi e Sismundi, no municipio de Cariño.