Friday 22 de November de 2024

Máis de medio milleiro de persoas participaron no Festival de Reis do Concello de Lousame


Máis de medio milleiro de persoas participaron no Festival de Reis do Concello de Lousame, que tivo lugar este sábado 7 de xaneiro no polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra (A Silva). Un festival que estivo presidido pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, quen estivo acompañada pola concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, e o concelleiro de Obras, Ramón Martínez.

Despois de dous anos sen celebrarse por mor das restricións da pandemia sanitaria, as gañas de festa eran moi grandes e o festival congregou a xente non so de Lousame, senón tamén doutros municipios do Barbanza e ata de comarcas veciñas como Santiago. O temporal desta fin de semana fixo unha paréntese co Festival, pois só comezou a chover, e con certa forza, pasadas as 19:30 horas, polo que non restou afluencia á festa, máis ben fixo que esta se alongase máis aló das 20:00 horas á espera de atopar algún oco entre trebóns para recoller o coche.

No pavillón déronse cita ata cinco inchables diferentes, cun touro mecánico e un DJ que puxo música en directo e que, a petición dos pequenos, non deixaba de empregar fume, o que xerou un ambiente que se asemellaba á néboa na derradeira hora da festa. Flocos de millo e chocolate con churros eran as propostas gastronómicas, máis empregadas polos pais e nais, que ocupaban as gradas do polideportivo mentres a cativada desfrutaba dos distintos xogos.