Saturday 16 de November de 2024

O Concello abrirá mañá o prazo de inscrición no programa municipal “Impúlsate”


A responsable do Servizo Sociocomunitario de Narón, Mercedes Taibo, anunciou a apertura do prazo de inscrición no programa Impúlsate, dirixido a alumnado de centros educativos de Narón que cursa ESO ou FPBI derivados polo Servizo Sociocomunitario e que conviven en fogares vulnerables. O prazo para anotarse permanecerá aberto dende mañá ata que se esgoten as 16 vacantes dispoñibles, debendo tramitar as inscricións –de balde- a través do Rexistro municipal, de luns a venres entre as 8.30 e as 13.30 horas, tal e como indicou Taibo.

As sesións, que se desenvolverán dende este mes ata o de maio, impartiranse nas instalacións da Casa da Mocidade, na Gándara, en dúas quendas, os mércores de 16.00 a 18.00 ou de 18.00 a 20.00 horas. Apoio escolar, activación saudable, actividades de lecer e tempo libre, educación e habilidades sociais e apoio, orientación e intervención familiar son os contidos que se abordarán nas sesións. “A finalidade desta convocatoria é ofrecer un apoio a eses menores que teñen dificultades para acadar o éxito escolar e, ao mesmo tempo, facilitarlles que poidan mellorar en materia de habilidades sociais”, apuntou.

Para obter máis información pódese contactar co Servizo Sociocomunitario Municipal, no primeiro andar do Concello, ou chamando ao número de teléfono 981 337 700 (extensións 1111, 1108 e 1109).