Un equipo da Universidade da Coruña realizará un traballo de investigación para analizar os datos relacionados cos fluxos turísticos do municipio coruñés
O Concello, a través dun acordo coa Universidade da Coruña (UDC), creará un Observatorio Turístico para analizar os datos relacionados cos fluxos turísticos do municipio coruñés.
O Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña, a UDC e a Fundación Universidade da Coruña (FUAC) acaban de asinar un convenio para que un equipo de profesorado universitario investigue para a creación deste observatorio. Trátase dun sistema de indicadores para o seguimento de información turística que porá en marcha a UDC. O persoal docente que coordinará a investigación serán Guillen Solórzano e Iria Caamaño, e terán cinco meses de prazo, ata o día 19 de maio, para realizaren o traballo.
O equipo de investigación da Universidade da Coruña realizará unha auditoría de datos de interese turístico, unha primeira análise e organización dos datos de interese turístico que obran no Concello e noutras entidades do sector para valorar o seu alcance e organizalos de acordo aos parámetros de control de interese. Tamén deseñará e definirá o cadro de mando de control para o observatorio, así como unha ferramenta de uso colaborativo e compartido para que a información poida ser incorporada e consultada por diferentes servizos. Como contraprestación por este traballo por parte da UDC, o Consorcio de Turismo e Congresos aboará 50.000 euros.
O Consorcio recibirá mensualmente os ficheiros de datos que resulten das investigacións realizadas e será o seu propietario, así como das análises e dos resultados tratados polo grupo de investigación. Os datos centraranse en aloxamentos, demanda, procedencia das persoas pasaxeiras (aeroporto, tren, cruceiros), cultura e lecer, gasto por persoa e día e durante a estancia, compras con tarxetas bancarias segundo o sector, medición da pegada de carbono polo menos nun evento MICE por tempada e tamén dun evento cultural ou festival.
O Goberno de Inés Rey busca con esta iniciativa ter un maior control do fluxo turístico na cidade para así poñer en marcha políticas encamiñadas cara a un maior aproveitamento dos recursos. Os resultados destas observacións e da monitorización levada a cabo pola UDC integraranse a través dunha interface e prevese a publicación dunha web do Observatorio Turístico da Coruña.