Noelia Martínez, que actualmente é a voceira de Alternativa dos Veciños no municipio, será a candidata á alcaldía do Concello de Arteixo. Este sábado día 14, ás 12 horas no Hotel As Viñas (rúa Eugenio Carré Aldado 6), celebrarase o acto de presentación.
Noelia Martínez é técnica superior en Administración e Finanzas e tamén técnica en Coidados Auxiliares de Enfermería. Traballou na banca e agora é Auxiliar de Enfermería no Sergas. Tamén forma parte da Asociación cultural e veciñal Manuel Murguía de Oseiro .
Noelia Martínez leva catro anos exercendo de voceira de Alternativa no municipio e, xunto con todos os compañeiros e compañeiras que forman a agrupación, percorreu cada núcleo de poboación do municipio, escoitando e atendendo as demandas e necesidades da veciñanza. Durante este tempo mantivo múltiples reunións con diferentes administracións e organismos para defender os intereses do municipio e de toda a cidadanía de Arteixo.
Foi elixida en asemblea polos militantes e simpatizantes de Alternativa en Arteixo. Coa súa elección como candidata dáse continuidade a un proxecto e un traballo frutuoso, útil para a veciñanza para cambiar e mellorar moitas cousas e defender os intereses do municipio.