Saturday 16 de November de 2024

O Concello oferta estadías dun mes en países da Unión Europea a rapaces e rapazas de primeiro de Bacharelato para o perfeccionamento de idiomas


O programa ‘Idiomas do Mundo’ cubre a estadía dos participantes durante catro semanas en Irlanda, Francia e Portugal

O Concello da Coruña renova o programa educativo municipal ‘Idiomas do Mundo’. O obxectivo desta iniciativa é que estudantes de 1º de Bacharelato dos centros da cidade realicen estadías inmersivas dun mes en países da Unión Europea durante este verán, mellorando a zúa aprendizaxe en linguas estranxeiras.

‘Idiomas do Mundo’ forma parte da oferta educativa do Concello da Coruña e neste 2023 o Goberno municipal tivo en conta as achegas das persoas participantes en edicións pasadas e as súas demandas para axustar a oferta de destinos e número de prazas por país.

Ofertarase un mínimo de 30 estancias de catro semanas en diferentes países europeos (Irlanda, Francia e Portugal) con dez prazas previstas para cada un dos destinos. O Goberno de Inés Rey destina 133.000 euros ao programa, cuxo prazo de inscrición para o verán do 2023 abrirase nos vindeiros meses.

O programa inclúe prestacións como a viaxe e desprazamentos de ida e volta desde A Coruña ata o destino asignado a cada alumna ou alumno; a estadía no país de destino durante o período correspondente á estadía, vivindo en familia en réxime de pensión completa; clases intensivas do idioma correspondente no país de destino durante un mínimo de 15 horas semanais entre luns e venres (agás festivos), o material escolar para as clases, un mínimo de tres actividades culturais e lúdicas por semana e a a realización da proba oficial e certificado oficial acreditativos do nivel acadado baseándose no Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCERL), ademais dun seguro de responsabilidade civil para as persoas participantes. Deste xeito, o Goberno de Inés Rey amplía a súa aposta pola mobilidade educativa dos mozos e mozas da Coruña sumando a renovación de “Idiomas do Mundo” á oferta das 30 prazas de Bolsas Canadá.