Saturday 16 de November de 2024

A Xunta asina un memorando de colaboración coa Prefectura de Wakayama para afondar nas relacións bilaterais entre ambas as dúas rexións maís alá do eido cultural


Feijóo destaca que o memorando establece un marco de actuación no que estreitar as relacións bilaterais con Xapón para amplialas ao ámbito económico, cultural, medioambiental ou da investigación e as novas tecnoloxías

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e o gobernador da Prefectura de Wakayama, Yoshinobu Nisaka, asinaron esta mañá un memorando de colaboración para levar a cooperación mutua entre Galicia e e Wakayama alén do ámbito cultural.

O memorando que se fixo efectivo esta mañá supón “un paso máis nas nas relacións bilaterais entre ambos os pobos para reconducilas cara a novos ámbitos que complementen as nosas singularidades turísticas” sinalou o mandatario galego, ao que engadiu que servirá “para afondar nos lazos de amizade e cooperación que nos unen para amplialos ao ámbito económico, cultural, medioambiental ou da investigación e as novas tecnoloxías”.

Feijóo fixo fincapé en que este acordo establecerá “un marco de actuación que nos permita intensificar as nosas relacións bilaterais, traballando na transferencia de coñecementos e experiencias, ou buscando selar alianzas estratéxicas nos sectores máis da nosa economía”.

A continuación, o presidente autonómico detallou que o contido deste memorando, que “xira en torno á promoción do tecido económico e empresarial”, céntrase en sectores como o do turismo ou agroalimentario, para dinamizar as relacións comerciais e a cooperación empresarial especialmente en sectores como o hortofrutícola e o pesqueiro. Así mesmo busca estimular a colaboración entre empresas mediante iniciativas de diferentes entes empresariais de ambas as dúas rexións, como tamén crear un foro de intercambio de coñecemento no eido da protección do medio.

O acordo recolle a intención de cooperar no ámbito da cultura e, por último, no da investigación e as novas tecnoloxías. Con respecto a este último campo este convenio impulsará a cooperación académica entre as universidades galegas e as de Wakayama, estimulando “o intercambio de profesionais desde o punto de vista técnico, científico e educativo”, precisou o presidente.

Esta sinatura vén completar a estratexia de profundización das relacións co país nipón que o Goberno galego está a desenvolver, tras a sinatura, o mes pasado, do acordo de colaboración co gobernador da Prefectura de Kagawa para a promoción conxunta do Camino Shikoku Henro. De feito, na próxima edición de Fitur haberá unha presentación de Galicia no pavillón de Xapón, algo que Feijóo cualificou coma “un honor”.

En opinión do presidente, o memorando é “un xeito de formalizar a vontade explícita de Galicia e a Prefectura de Wakayama de trasladar a súa frutífera relación cultural a novas áreas de contacto”, como tamén de seguir alimentando as que xa se viñan realizando no turismo e no ámbito da Xuventude, como é o caso do programa ‘A Xuventude no mundo’ da Consellería de Política Social, que desde 2010 permite o intercambio entre mozos nipóns e galegos e no que xa participaron 138 mozos e mozas.

Por último Feijóo quixo resaltar as boas relacións que mantén o Goberno galego co país oriental, que se reflicten nos encontros co príncipe Naruhito, en Compostela e en Xapón, nos acordos de colaboración en materia de turismo e de promoción dos seus respectivos camiños de peregrinación, o de Santiago e o Kumano Kodo, feito que axudou a que os peregrinos xaponeses crecesen un 11, 6% máis neste ano. “Estando lonxe en distancia, estamos preto en admiración e afecto”, rematou.