Friday 22 de November de 2024

Máis de 130.000 persoas abarrotaron as rúas da Coruña para seguir a Cabalgata de Reis


A comitiva real, con un milleiro de participantes, percorreu os barrios da cidade a bordo de carrozas de inspiración picassiana

A Coruña volcouse hoxe coa Cabalgata de Reis, que congregou a máis de 130.000 persoas nas rúas da cidade para disfrutar do percorrido das SSMM, os Reis Magos de Oriente, a bordo das quince carrozas e cinco trens dispostos para a comitiva real, conformada por preto dun milleiro de persoas. Entre elas, 235 nenas e nenos coruñeses, de entre 6 e 11 anos de idade, que tomaron parte como figurantes.

Os Reis Magos foron recibidos pola alcaldesa, Inés Rey, na Sardiñeira, media hora antes de que a cabalgata partira para percorrer, desde os Mallos, boa parte da cidade. A comitiva discurriu pola rolda de Outeiro para confluir na rúa Alcalde Pérez Ardá, enfilando posteriormente o barrio de Catro Camiños a través da rúa Ramón y Cajal e avenida de Oza.

A continuación, as carrozas reais pasaron pola Palloza e Primo de Rivera, chegando á praza de Ourense desde Linares Rivas e seguindo ata María Pita, final do percorrido, atopándose os Reis ao seu paso rúas ateigadas de espectadores que aplaudiron os espectáculos de animación. A comitiva repartiu 7.000 kilos de caramelos na súa ruta.

Xa en María Pita, Inés Rey acompañou aos Reis Magos no balcón principal do Pazo Municipal, desde onde as SSMM desexaron unha boa noite e os mellores desexos ás nenas e nenos presentes na praza.

A cabalgata, primeira desde 2019 sen os condicionantes da pandemia, superou os 130.000 asistentes segundo as estimacións da Policía Local, unha das cifras máis elevadas desde que hai rexistros.

Durante a cabalgata, e con motivo do Ano Picasso (que inspirou tamén o deseño das carrozas), na real comitiva tamén participaron varias compañías francesas, así como outras locais e nacionais. En total, 16 compañías artísticas e de animación amenizaron o percorrido dos Reis Magos.